O PEPRI non recolle as explicacións do PP sobre a pavimentación dos xardíns da Mariña

O PEPRI non recolle as explicacións do PP sobre a pavimentación dos xardíns da Mariña

A Coruña, 23 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o PEPRI nin recolle as explicacións do Goberno municipal, a través do concelleiro Fernández Prado, logo de que as nacionalistas expuxeran, nas súas alegacións ao plan, que se ían pavimentar os Xardíns da Mariña en detrimento da súa consideración como zona verde, nin xustifica a pavimentación dese lugar. As propias explicacións do concelleiro, advirten as nacionalistas, veñen recoñecer que esta situación é consecuencia da reordenación de viarios e que, ademais, non garante a área de xogo infantil dos Xardíns da Mariña, lugar moi frecuentado polas crianzas e as familias da Cidade Vella e da cidade en xeral. A este respecto, o Grupo Municipal do BNG, que insiste en que debería seguirse mantendo o espazo como zona verde, salienta que a asociación de veciños da Cidade Vella e as habitantes desta área veñen demandando máis dotacións de áreas infantís nesta zona da cidade, xa que estes espazos infantís son practicamente inexistentes.

Alén disto, o Grupo Municipal do BNG sinala que, sobre a base de que o PEPRI prevé, na memoria do documento de revisión e adaptación para a súa aprobación inicial, un apartado específico de reservas de equipamento de natureza pública (PB) (páx. 116), non habería problema para dotar dun centro cívico a Cidade Vella, aproveitando esta reserva de dotacional pública. As nacionalistas reiteran a súa aposta por un centro cívico no barrio, como vén demandando a veciñanza do barrio e mais a asociación de veciños e veciñas e lembran que no documento de revisión se recoñecen que faltan dotacións sociais cando se afirma que "en canto ás dotacións a nivel local, o ámbito está altamente dotado no aspecto cultural deste tipo de dotacións (museos, salas de exposicións, teatros...) pero non tanto no aspecto social".

 

O PEPRI non recolle as explicacións do PP sobre a pavimentación dos xardíns da Mariña