MERCEDES QUEIXAS LEVA O ASUNTO AO PARLAMENTO GALEGO
161 crianzas coruñesas fican sen praza nas escolas infantís dependentes da Xunta
“A oferta de prazas públicas en escolas infantís de 0 a 3 anos na nosa cidade é totalmente insuficiente”, remarca a deputada e concelleira do BNG Mercedes Queixas.
Queixas acaba de rexistrar varias iniciativas sobre o asunto -unha proposición non de lei, unha pregunta oral e outra escrita—no Parlamento galego. “Ímoslle esixir á Xunta que aumente a oferta de prazas na nosa cidade e que se comprometa realmente co ensino público e coas políticas de conciliación familiar”, avanza.
Ante a situación descrita, que fixo o Goberno presidido por Alfonso Rueda?, pregúntase Mercedes Queixas. “Pois anunciar, o pasado mes de novembro, que ía devolver 22 millóns de euros ao Goberno central, diñeiro que procedía de fondos europeos que se destinaban ao Estado español e que se podían ter aplicado na Galiza para crear, nas escolas infantís de 0 a 3 anos, até 3.417 novas prazas públicas”, denuncia a deputada nacionalista.
Para Queixas, constitúe unha “irresponsabilidade política maiúscula” renunciar a ese diñeiro cando é evidente que a oferta de prazas públicas non satisfai a demanda, “e no caso da Coruña 161 crianzas fican fóra das escolas”.
“O Goberno galego do PP nin cre na educación pública nin nas políticas de conciliación familiar, mentres, en troca, continua a drenar cantidades inxentes de diñeiro público ás escolas privadas”, salienta.