UNHA INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA
Ibrahima e Magatte merecen ser nomeados Fillos Adoptivos da cidade
Na exposición de motivos desta iniciativa, Jorquera remarca que o crime de Samuel Luiz “provocou unha fonda conmoción non só na Coruña, senón no conxunto de Galiza e do territorio do Estado español”.
“A violencia extrema e gratuíta contra un mozo que nada fixera e o asañamento e a homofobia que concorreron nese crime motivaron unha vaga de repulsa e de indignación”, relata Jorquera, para quen se pode dicir “alto e claro” que ese acto de brutalidade “non nos representa” como cidade. “A Coruña sempre tivo vocación de ser unha cidade pacífica, aberta e inclusiva, respectuosa coa diversidade en todas as súas manifestacións”.
“Mais o que si nos representa é o comportamento de Ibrahima e Magatte”, enfatiza Jorquera. Foron eles os que auxiliaron Samuel até o final, “intentando frear a agresión, axudándolle a Samuel a se erguer para intentar conducilo a un lugar seguro e intentando interpoñerse de novo entre Samuel e os seus agresores cando se produciu o segundo ataque”, relata.
Actuaron con enorme coraxe. Eles, que eran “os que máis tiñan que perder, dada a súa condición de inmigrantes que non tiñan regularizada a súa situación”. “Fixéronoo poñendo en risco as súas propias vidas, pois as testemuñas coinciden en que mantiveron esa actitude malia as agresións e graves ameazas por parte dos atacantes”, subliña o voceiro nacionalista.
En definitiva, no seu extraordinario comportamento concorren todas as circunstancias para o outorgamento do título de Fillos Adoptivos da Coruña, entende Jorquera.
Na parte dispositiva da moción, ínstase á alcaldesa a que, tal e como é preceptivo, sexa ela quen inicie o procedemento para propor o outorgamento do título de Fillos Adoptivos da Coruña a Ibrahima e Magatte.