UNHA PRIMEIRA AVALIACIÓN DE URXENCIA DAS CONTAS GALEGAS, A CARGO DA NOSA DEPUTADA MERCEDES QUEIXAS
Os orzamentos da Xunta volven ignorar A Coruña
O proxecto de orzamentos da Xunta para 2026 certifica o retraso nas obras de ampliación do CHUAC e mostra a falta de compromiso do Goberno galego coas políticas públicas de vivenda na nosa cidade. As contas tampouco dan resposta ás demandas sociais de mellora dos servizos públicos, quer a sanidade quer o ensino, e nese sentideo é moi significativa a caída nos fondos destinados ao mantemento das escolas públicas.
Esta é a primeira avaliación de urxencia do BNG sobre o proxecto de orzamentos, valoración que completaremos máis polo miúdo nos próximos días.
Como xa vén sendo habitual, o proxecto ademais é moi opaco e esta primeira lectura facémola a partir das informacións fornecidas polos medios.
“A Coruña continúa sen existir a ollos do Goberno galego. Esta Xunta é unha mala xestora e estes orzamentos son unha suma de oportunidades perdidas para A Coruña”, afirma a nosa concelleira e deputada Mercedes Queixas. “Desde logo, ímolos emendar”, anuncia.
Ampliación do CHUAC
É a principal partida dos orzamentos para a nosa cidade. 43,8 millóns de euros. Unha cantidade que revela o considerábel retraso das obras de ampliación do hospital, sendo que nos orzamentos de 2024 a partida que aparecía na programación plurianual para 2026 era de 101,8 millóns de euros e este mesmo 2025 desde a Xunta afirmouse que no próximo exercicio irían consignados 64,2 millóns de euros.
A Xunta xa admite que as obras non concluirán até máis alá de 2030, aprazando o groso do investimento -221,7 millóns de euros- a partir de 2029.
Vivenda
Para o que sen dúbida constitúe o principal problema social co que lidan as coruñesas e os coruñeses, o acceso a unha vivenda digna, o proxecto é mesmo peor que o de 2025: apenas contempla 13,2 millóns de euros para a construción de pisos de promoción pública en Xuxán (13,8 o pasado exercicio) e 1,34 millóns de euros para desenvolver solo en Monte Mero. A cantidade para o Rexurbe, 220 mil euros, é tan irrisoria que se comenta por si soa.
“A Xunta non é quen de asumir as súas responsabilidades tendo en conta que ostenta as competencias exclusivas en vivenda. A Xunta está a dimitir das súas responsabilidades á hora de enfrontar a emerxencia habitacional que sofre a nosa cidade. Non só pon paus nas rodas á hora de aplicar a condición da Coruña como zona tensionada, senón que carece de ambición para desenvolver unha política de promoción da vivenda pública merecente de tal nome”, salienta Queixas.
Partidas desprazadas do exercicio 2025 a 2026
Como adoita facer, tamén neste proxecto de orzamentos o Goberno galego reincide no vicio de desprazar dun exercicio a outro partidas non executadas.
A reforma da residencia Torrente Ballester, unha obra cuxa execución demorará un mínimo de 24 meses, é un bo exemplo. En 2025 o Goberno galego orzou 1,6 millóns de euros. Non os executou, e agora a Xunta consigna o total do investimento, 3,8 millóns de euros, para 2026.
O mesmo acontece co Centro de Formación da Cidade das TIC. A partida de 4,1 millóns de euros de 2025, non executada, engrosa agora as contas para 2026.
Canto á Orquestra Sinfónica de Galiza, é certo que a partida experimenta un incremento de 300 mil euros, mais continúa a ser francamente insuficiente para enxugar a débeda de 5 millóns de euros que a Xunta ten con este buque insignia da cultura coruñesa e galega.
Menos fondos para os centros educativos
O orzamento sofre unha redución canto ao diñeiro destinado aos centros educativos, xusto cando son máis prementes as necesidades de mantemento e conservación das súas instalacións.
A cifra global é de 4,3 millóns de euros, sen que neste momento sexa posíbel discernir se inclúe algunha partida para a reforma integral do CEIP Cidade Vella -con alto valor patrimonial- e do CEIP Prácticas, demandada por unha ANPA que ten alertado sobre o mal estado do edificio, o que mesmo pon en risco a integridade física das crianzas.
Confírmase neste orzamento a tendencia ao descenso dos investimentos nos centros educativos. En 2024, consignouse a cantidade de 8,2 millóns de euros. En 2025, 6,9. Agora, 4,3. Unha redución do 50 por cento en dous anos!
Os COF do Ventorrillo e Orillamar
Na información facilitada aos medios, tampouco se mencionan partidas para completar o cadro de persoal dos centros de orientación familiar do Ventorrillo e Orillamar, equipamentos básicos para garantir a saúde sexual e reprodutiva das mulleres coruñesas.
E por último, e como acontece en anteriores orzamentos, non aparecen fondos para crear escolas infantís ou centros de día.