AVALIACIÓN DE URXENCIA DE MERCEDES QUEIXAS
Orzamentos da Xunta para A Coruña: insuficientes e nada críbeis
1.-Tendo en conta o carácter supostamente expansivo das contas, non vemos ningunha aposta seria para dinamizar a economía da cidade, diversificar o seu tecido produtivo e crear emprego de calidade.
2.-A principal partida das contas, 28,5 millóns de euros, vai destinada á ampliación do Hospital Universitario da Coruña. Hai que dicir que esta previsión de gasto é pouco críbel, tendo en conta que xa no orzamento de 2021 aparecía unha partida de 19,3 millóns de euros e que no actualmente vixente figuraban apenas 9.
En troca, brilla pola súa ausencia o diñeiro que se debería destinar a fortalecer a atención primaria, o principal problema que ten neste momento a sanidade pública galega. O xeito de garantir o dereito a saúde é con máis profesionais nos ambulatorios dos barrios e, por tanto, con menos listaxes de agarda que impidan o colapso das urxencias dos hospitais.
3. Canto ás partidas plurianuais para a transformación da fachada marítima -1,4 millóns de euros para 2023 dun total de 20 até 2026- son puramente propagandísticas. Só teñen un obxectivo, inflar o orzamento.
Ao BNG parécelle ben que a Xunta, xunto co Estado e no marco dun consorcio, contribúa á transformación dos peiraos. Mais, ao mesmo tempo, o BNG volve reiterar a súa oposición a que se destine diñeiro público para mercar terreos –Batería e Calvo Sotelo- que xa son públicos e que, liberados de usos portuarios, deben ser postos a disposición da cidade sen ningún custo económico, nin para a Facenda galega nin para a local.
4.-As cifras encamiñadas a Vivenda son francamente insuficientes. Os 5,1 millóns de euros para a construción de vivendas protexidas e a urbanización de Xuxán e os 770 mil para o plan Rexurbe son inferiores ás partidas que figuran no orzamento vixente (8,4 e 1,7 millóns de euros, respectivamente).
Teñamos en conta que a dificuldade de acceso a unha vivenda é un dos principais problemas sociais na nosa cidade. Con estes orzamentos a situación non vai mellorar en absoluto.
5.-Os fondos que se encamiñan á Cidade das TIC son tamén insuficientes, o que revela a falta de compromiso da Xunta cun proxecto estratéxico para a cidade e xusto cando A Coruña aspira a albergar a Axencia Española de Intelixencia Artificial.