A PROPOSTA DE FINANCIAMENTO DO EXECUTIVO CORUÑÉS BATE COA POSICIÓN DAS OUTRAS ADMINISTRACIÓNS

Jorquera empraza o Goberno Local a que se reúna cos grupos municipais para informar sobre o mundial 2030

Jorquera no estadio de Riazor
Jorquera, no estadio de Riazor
A proposta de reparto de cargas financeira feita en primeira instancia polo Goberno Local para a reforma do estadio de Riazor -40% a Xunta, 20% a Deputación, 30% unha sociedade de capital privado, 10% o Concello- está a bater coa posición manifestada polas outras administracións públicas concernidas.
Jorquera empraza o Goberno Local a que se reúna cos grupos municipais para informar sobre o mundial 2030

Sobre a candidatura da Coruña para albergar unha das sedes do mundial de fútbol masculino 2030, o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, dirixiu unha pregunta por escrito ao Executivo local. Da súa resposta -que anexamos- tírase con clareza que, con efecto, non existe ningún compromiso concreto por parte da Xunta e a Deputación provincial sobre a porcentaxe de financiamento que estarían dispostos a asumir.

“A realidade”, apunta Jorquera, é que “nos orzamentos da Xunta para 2025 non se consigna ningunha cantidade”. Non só iso, senón que nas súas declaracións o Goberno galego insiste en que debe haber un reparto a partes iguais entre administracións, colocando entre elas o Consello Superior de Deportes, cando na proposta do Goberno Local non se incluía o ente estatal.

De acordo coa contraproposta da Xunta, a Administración autonomía poría no máximo 17,5% do investimento, lonxe do 40% que lle atribuía o Executivo coruñés.

Canto á Deputación, o organismo provincial ten manifestado que non está en condicións de asumir a achega do 20% e que estaría disposto a colaborar, mais “dentro das súas posibilidades”.

O BNG empraza o Goberno Local a que se reúna cos grupos municipais e informe con total transparencia das características do proxecto e do seu financiamento

Jorquera tamén inquiriu o Goberno Local sobre a participación dunha sociedade mercantil privada co 30% de achega. O BNG cuestiona por que se acorda directamente cunha empresa, no canto de sacar a concurso a participación privada. “Non é o modelo seguido polas características singulares do proxecto”, responde o Executivo coruñés.

Tampouco revela o Goberno Local a identidade dese parceiro privado, alegando que “as negociacións con entidades privadas están suxeitas a confidencialidade polo momento e daranse a coñecer en canto estean totalmente pechadas”.

E a respecto dos aproveitamentos que esa compañía privada obtería en troca do seu investimento, tamén responde o Goberno Local que os fará públicos “no seu momento”.

Lembremos que no seu día o Deportivo lle propuxo ao Concello un convenio cunha vixencia de 40 anos que incluía un canon por importe de 400.000 euros por exercicio (16 millóns de euros en total). “A proposta foi rexeitada co argumento de que o estadio de Riazor é unha instalación de titularidade municipal”, salienta Jorquera.

Jorquera advirte que só hai comprometido 57% do investimento preciso para a reforma do estadio de Riazor e que nos orzamentos da Xunta para 2025 non aparece ningunha cantidad

En definitiva, e de acordo co manifestado polas distintas administraci´ns públicas, e dando por suposto que finalmente apareza un socio privado que achegue 30% do investimento, a esta altura só habería compromisos para financiar 57,5% da reforma do estadio: ese 30% privado, 17,5% da Xunta e 10% do Concello.

Na pregunta que deu orixe a esta resposta do Goberno Local, Jorquera criticou que a alcaldesa presentase a candidatura da Coruña como un proxecto de cidade cando “foi elaborado e anunciado sen consensuar e nin tan sequera informar os grupos municipais”.

Por todo isto, o BNG empraza o Goberno Local a que se reúna cos grupos municipais e informe con total transparencia das características do proxecto e do seu financiamento

 

 

Jorquera empraza o Goberno Local a que se reúna cos grupos municipais para informar sobre o mundial 2030