A oposición construtiva do BNG logra melloras significativas nos convenios das Xubias e Adoratrices e nas taxas do lixo e turística

GM 31X
O grupo municipal do BNG
No derradeiro Pleno deste curso político, unha sesión de carácter extraordinario, a oposición construtiva do BNG logrou melloras significativas nos convenios das Xubias e As Adoratrices e nas taxas turísticas e do lixo.
A oposición construtiva do BNG logra melloras significativas nos convenios das Xubias e Adoratrices e nas taxas do lixo e turística

Todos estes asuntos saíron adiante grazas aos votos do BNG, dado que o Goberno Local de Inés Rey está en minoría no Pleno (11 escanos sobre 27). O PP votou en contra de todos os puntos na orde do día e nos últimos dous asuntos, abandonou o salón de sesións.

Como destacou o noso portavoz, Francisco Jorquera, o Pleno revela que no Concello hai dous estilos de oposición. A útil e construtiva que practica o BNG -capaz de obrigar o Goberno Local a rectificar e mellorar as súas propostas- e a que exerce o PP, que quer trasladar á nosa cidade a “crispación e a lameira” que caracterizan a política madrileña.

Sintomaticamente, o PP dedicou boa parte das súas intervencións a atacar o BNG. “Vémolos, señores do PP, moi nerviosos perante o noso labor de oposición construtiva”, reprochoulles Avia Veira. “Non finxan ser oposición. As Xubias é un petisco. O que está en xogo na cidade en materia de urbanismo é a transformación do porto, a fronte marítima, e aí vostedes van da man co PSOE”, afeoulles.

Melloras significativas

Por orde de debate, na ordenanza fiscal que introduce a taxa turística o BNG, a través dunha alegación que foi ditaminada positivamente, conseguiu que se exima do seu pagamento as persoas participantes en congresos e as docentes que veñan á cidade impartir cursos de duración inferior aos cinco días.

Canto á taxa do lixo, os esforzos negociadores centráronse en que a súa aplicación -un incremento do recibo que vén derivado dunha directiva europea- se faga de forma gradual, até o 1 de xaneiro de 2029.

Non só iso: tamén se aplicará con criterios de progresividade -gravando máis as empresas que produzan máis residuos-, ao tempo que se introducirán bonificacións para persoas en situación de vulnerabilidade social.

Sobre o Convenio das Xubias, Avia Veira puxo en destaque que grazas ao BNG as parcelas adquiridas por Ginkgo Advisor si estarán suxeitas á modificación puntual do PXOM aprobada en Xunta de Goberno Local en 2020, cousa que non acontecía na versión orixinal do acordo asinado entre o Goberno Local e a empresa.

Isto significa que, en relación á redacción inicial do convenio, haberá unha significativa redución da edificabilidade, aumentará a dotación de vivendas públicas e de zonas verdes, a ordenación do ámbito correrá a cargo do Concello e non de Ginkgo e hase de manter a vía férrea, básica para garantir o futuro servizo de proximidade que necesitan a cidade e a comarca.

“Puxémonos firmes e o Goberno Local rectificou”, resaltou Veira.

De resto, o chamado convenio das Adoratrices puido vir a Pleno porque previamente o Goberno Local atendeu a petición do BNG, licitou o derrubo do muro do Xardín do Observatorio e xestionou a cesión demanial deste espazo con vistas á construción do Parque que precisa a Agra do Orzán.

Esa petición era unha condición sine qua non para o BNG apoiar no Pleno este convenio.

 

 

 

 

 

A oposición construtiva do BNG logra melloras significativas nos convenios das Xubias e Adoratrices e nas taxas do lixo e turística