Ofensiva política do BNG contra o ERTE na Refinaría

Jorquera marcha cos traballadores da Refinaría
Jorquera, nunha acción de protesta das e dos traballadores
O Bloque Nacionalista Galego lanza unha ofensiva política para frear o ERTE anunciado por Repsol para a Refinaría da Coruña (atinxiría 212 traballadoras e traballadores, 31% do cadro de persoal). Así, no Concello o grupo municipal vai impulsar unha Declaración Institucional no vindeiro Pleno do 6 de maio, en tanto que no Parlamento galego a formación nacionalista defenderá unha proposición non de lei na sesión plenaria da cámara o próximo martes 4M.
Ofensiva política do BNG contra o ERTE na Refinaría

O texto da Declaración Institucional proposta polo BNG recolle o apoio da Corporación “ás demandas dos traballadores e traballadoras da Refinaría de Repsol na Coruña na defensa dos postos de traballo”, ao tempo que se insta a Xunta e o Goberno do Estado a promoveren “cantas accións resulten necesarias para lograr que REPSOl renuncie á aplicación” do ERTE.

No texto da proposición non de lei a debate no Parlamento galego, o BNG remarca que os resultados económicos de REPSOL foron positivos mesmo durante o máis duro da pandemia (un resultado operativo de 600 millóns de euros, o duplo do agardado polos analistas do sector; a redución da débeda nun 28%), o que resta calquera xustificación económica ao ERTE.

Esta agresión ao cadro de persoal non ten parangón en ningunha empresa do sector “de idénticas dimensións”, afirman no texto da iniciativa Ramón Fernández Alfonzo, Daniel Castro e Carme González, parlamentares do BNG.

“O centro de traballo de REPSOL Coruña conta cun cadro de persoal xa moi axustado para as necesidades operativas habituais, polo que resulta fóra  de lugar a posibilidade de suspender total ou parcialmente os contratos deste persoal reducindo aínda máis o número de horas efectivas de traballo”, acrecentan.

O asunto foi levado tamén polo BNG ao Congreso en forma dunha pregunta por escrito ao Goberno do Estado por parte do deputado Néstor Rego.

O BNG está a participar desde o principio nas accións de protesta convocadas polas traballadoras e traballadores e terá presenza quer hoxe na concentración diante da Refinaría (14.30 horas) quer mañá sábado na manifestación programada para as 12 horas e que partirá da Praza da Palloza.

 

Ofensiva política do BNG contra o ERTE na Refinaría