O BNG vaille pedir explicacións a Inés Rey pola nova crise na Concellaría de Cultura

Francisco Jorquera e Avia Veira. Pleno extraordinario Punta Langosteira.
O grupo municipal do BNG vaille pedir explicacións a Inés Rey no próximo Pleno do Concello pola “nova crise na Concellaría de Cultura”, que se materializou coa demisión do director de área. Será a través dunha pregunta oral que formulará a concelleira nacionalista Avia Veira.
O BNG vaille pedir explicacións a Inés Rey pola nova crise na Concellaría de Cultura

“Estamos ante unha nova mostra da falta de proxecto cultural do Executivo coruñés”, avalía o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, quen cualifica de “errática” a xestión do Goberno Local no que vai de mandato en materia de Cultura.

“Primeiro vivimos a retirada das competencias a Jesús Celemín e a asunción da área por parte da alcaldesa. Logo a demora no nomeamento do director de área. Despois o seu nomeamento en novembro. Agora a súa marcha, só cinco meses despois da súa incorporación. E, polo medio, hai por volta dun mes o cesamento da xefa de servizo”, relata Jorquera. “Desde o principio de mandato Cultura foi unha concellaría en crise permanente. En ningún momento foi capaz de definir un proxecto, apenas foi quen de confeccionar unha programación digna de tal nome e, desde logo, careceu de capacidade de interlocución coas creadoras e os creadores da nosa cidade”, alega.

A cultura é un dos sectores máis damnificados pola pandemia e precisa dun impulso que non se está a dar desde o Concello, lamenta Jorquera. “Mais non é só a pandemia. É que a cultura ten un enorme potencial na nosa cidade. Sempre dixemos que temos condicións para sermos a grande capital cultural de Galiza. Tristemente o Goberno Local non está á altura dese potencial”, conclúe.

 

 

O BNG vaille pedir explicacións a Inés Rey pola nova crise na Concellaría de Cultura