UNHA INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA PARA O #PLENOMARZO
Obras nos barrios? Claro, pero é preciso ouvir antes a veciñanza
O BNG é firme partidario de obras que contribúan á rexeneración dos barrios -de feito, propuxo a inclusión dun plan que fose nesa dirección nos orzamentos do Concello para 2024- mais ao tempo considera esencial que esas actuacións sexan previamente consultadas á veciñanza afectada.
Así o vai defender o portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera, a medio dunha moción que exporá no Pleno do vindeiro xoves 7M.
“Na negociación dos orzamentos fixemos fincapé na necesidade de contemplar un plan ambicioso de actuacións nos barrios. Porén, non é só importante facer. É tan importante o como e para que se fai. É por iso que as actuacións nos barrios deben ir acompañadas da necesaria información, consulta e transparencia”, afirma Jorquera.
Un exemplo precisamente do que non se debe facer atopámolo no denominado proxecto de reurbanización do espazo público da Área de Rehabilitación e Rexeneración Urbana do Ventorrillo-Casas de Franco.
Trátase dunha obra longamente demandada, mais o problema é que as veciñas e os veciños -tal e como teñen denunciado- nin foron informados previamente das características concretas do proxecto “nin houbo un proceso de diálogo e consultas para que as súas demandas puidesen ser valoradas”, remarca Jorquera. Tan é así que “as reunións que houbo foron sempre a petición da veciñanza e cando xa había un proxecto acordado” e a día de hoxe nin a alcaldesa nin o concelleiro de Economía e Planificación Urbana teñen respondido á solicitude dunha xuntanza formulada polas persoas afectadas.
As demandas da veciñanza das Casas de Franco -que poderían ter sido incorporadas ao proxecto se este se tivese aberto a consultas previas- están avaladas por 1.133 sinaturas “subscritas pola grande maioría das persoas empadroadas nas casas afectadas, a totalidade das persoas propietarias de negocios alí emprazados e moitos veciños e veciñas da contorna”, resalta Jorquera.
A moción, por tanto, pretende que o Goberno Local mude a partir de agora o seu modus operandi e informe, consulte e sexa transparente coa veciñanza nas obras que se planifiquen nos barrios.
E canto ás Casas de Franco, demanda que se estableza un proceso de diálogo visando consensuar as correccións pertinentes destinadas a garantir a accesibilidade universal na área de intervención, coa eliminación das barreiras e dos perigos relacionados co illamento visual.