MOCIÓN NA SESIÓN PLENARIA DO PRÓXIMO 14M
O BNG leva a compra de Alu Ibérica polo Grupo Riesgo ao pleno do Concello, ao Parlamento galego e ao Congreso
Dadas as dúbidas que existen sobre a solvencia e a praxe empresarial do Grupo Riesgo, o BNG comparte a inquietude mostrada polo comité de empresa da planta coruñesa Alu Ibérica perante unha operación que en absoluto garante nin o necesario plano industrial que lle dea viabilidade á factoría nin a continuidade dos postos de traballo.
A falta de transparencia está a marcar, polo demais, o desembarco do Grupo Riesgo na empresa. Tanto é así que, segundo algunhas informacións, Alcoa non recoñece a legalidade da operación de compra-venda entre Parter Capital e Riesgo, o que proxecta interrogantes sobre se a antiga dona mantén ou non os compromisos coa factoría aos que chegou en xullo de 2019.
"Parécenos escandaloso que se produza esta operación de venda só 8 meses despois de Parter Capital asinar a compra da empresa. É unha proba evidente de que a súa intención era puramente especulativa e que, por tanto, non tiña un verdadeiro interese en cumprir co seu plano industrial", valora Francisco Jorquera, para quen a venda da planta coruñesa "pon en dúbida o labor desenvolvido tanto polo Ministerio de Industria como pola Consellaría de Industria da Xunta" como organismos públicos encargados "de tutelar este proceso".
Na moción, que se achega, o BNG demanda do Goberno central e da Xunta que se investigueN as condicións en que se realizou a venda e que non se avale ningunha operación que non asegure a continuidade da actividade industrial e o mantimento do emprego. "Imos demandar tamén que se estuden cantas alternativas sexan necesarias para asegurar a pervivencia dun sector industrial que é estratéxico para a cidade e a comarca", avanzou Jorquera. Entre esas alternativas o portavoz nacionalista manexaría tamén o escenario da incorporación da planta "ao sector público". "A Coruña non se pode permitir o luxo de seguir avanzando no proceso de desmantelamento do seu tecido industrial. Por iso pensamos que é necesaria unha toma de posición clara e rotunda por parte da Corporación municipal da Coruña", conclúe.