XUNTA DE PORTAVOCES
Jorquera propón que se decrete a zona 30 en toda a cidade agás as avenidas principais
O voceiro do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, propuxo este luns na Xunta de Portavoces que se acelere o proxecto de decretar como zona 30 toda a cidade da Coruña, con excepción das súas avenidas principais.
Estableceríase así unha prohibición xeral de os vehículos circularen a unha velocidade superior aos 30 quilómetros. A medida acompañaría outras, tamén propostas polo BNG, na dirección de estender as zonas peonís e de reducir os carrís para a circulación de coches.
"Na actual situación trátase de gañarmos espazos para o paseo das cidadás e dos cidadáns e evitar aglomeracións. Sempre defendemos unha cidade máis vivíbel e agora que facemos fronte á pandemia, aínda máis", razoa o voceiro nacionalista.
Na Xunta de Portavoces abordouse, máis unha vez, as consecuencias sanitarias e socioeconómicas da Covid-19 e comezou a se ordenar o pleno do vindeiro 14 de maio.