UN GOBERNO NACIONALISTA SERÍA MOI ESIXENTE CON XUNTA E ESTADO, AS ADMINISTRACIÓNS COAS PRINCIPAIS COMPETENCIAS
Nun almorzo con Apecco, Jorquera enfatiza que en materia de vivenda "hai moito a facer desde o Concello"
“Hai que ser esixentes con aquelas administracións que teñen as principais competencias sobre a vivenda”, remarcou Jorquera no encontro cos directivos de Apecco, encabezados polo seu presidente, Diego Vázquez Reino.
“Desde 2008 apenas hai oferta de vivenda de protección oficial por parte da Xunta de Galiza (só 40 vivendas en Xuxán polas que seguimos agardando)”, salientou Jorquera, quen demandou tamén do Goberno central que os inmóbeis da SAREB sexan utilizados para os ofertar con prezo taxado. “E cremos que hai que actuar fiscalmente para fomentar que os pisos baleiros se poñan a disposición para aluguer”, engadiu.
Mas tamén desde o Concello “é moito o que se pode facer”. E así Jorquera debullou as políticas que promoverá un Goberno Local liderado polo BNG: incentivaremos o aumento da oferta e apostaremos decididamente pola rehabilitación.
“Somos partidarios de flexibilizar, agás en edificios de valor patrimonial, as ordenanzas no relativo á reforma de vivendas, para incrementar a oferta de pisos adaptados ás necesidades actuais, asegurando sempre estándares de calidade”, salientou.
O BNG á fronte do Goberno Local tamén impulsará o aumento do número de vivendas de titularidade municipal para as ofertar en aluguer e, desde logo, regulará as vivendas de uso turístico: “Non nos opoñemos a que se existan, o que propoñemos é algo tan elemental como que se regulen, pois agora abonda con que se rexistren e paguen unha taxa”.
A regulación é necesaria, precisou, para que non constitúan unha competencia desleal para outros establecementos hoteleiros, para non ser unha actividade molesta para veciñas e veciños e para evitar unha repercusión negativa no prezo da vivenda, concluíu.
No almorzo, o candidato nacionalista detallou tamén as propostas do BNG noutras materias, desde as infraestruturas e mobilidade até a economía e o emprego.