FRANCISCO JORQUERA LEVA O ASUNTO AO PLENO DO VINDEIRO MARTES 13D
O novo Nostián será máis caro para o Concello e deitará no vertedoiro o triplo do fixado pola normativa
Todo isto é o que se tira do informe de viabilidade da concesión da planta que foi á Xunta de Goberno Local extraordinaria realizada en María Pita o pasado luns 5 de decembro.
“É dicir, levamos tres anos esperando pola nova licitación porque seica había que adaptar os novos pregos ás mudanzas operadas na lexislación estatal e europea, e a resultante é que non se van cumprir os obxectivos de redución de refugallos e imos pagar o dobre por tonelada”, censura Jorquera.
A situación é aínda peor sendo que os concellos do Consorcio das Mariñas “non foron informados previamente e demandan explicacións”, apunta o voceiro nacionalista, quen a seguir pon en destaque que “a participación do Consorcio das Mariñas é imprescindíbel para asegurar a viabilidade da planta”.
É por isto que o BNG vai levar este asunto ao Pleno do vindeiro martes 13D en forma de pregunta oral. “Queremos saber se de verdade o Goberno Local ten idea do que quere facer coa planta de Nostián”, remarca Jorquera.
"Levamos tres anos esperando pola nova licitación porque seica había que adaptar os novos pregos ás mudanzas operadas na lexislación estatal e europea, e a resultante é que non se van cumprir os obxectivos de redución de refugallos e imos pagar o dobre por tonelada”
A situación do cadro de persoal da planta tamén é motivo de inquietude para o BNG. “O cadro de persoal”, refire Jorquera, “convocou unha folga porque o convenio leva anos caducado, a empresa négase a negociar un novo convenio e o salario dos traballadores non se actualiza desde 2012”.
Lembra o candidato nacionalista á Alcaldía que en 2019 a naquela altura candidata Inés Rey urxía o anterior Goberno Local que sacase a concurso o servizo “porque o contrato caducaba ao rematar ese ano e antes era imprescindíbel que houbese un novo convenio para incluír esas condicións laborais e salariais nos pregos do novo concurso”. “Pois tres anos e medio despois”, denuncia Jorquera, “seguimos nas mesmas”.
De resto, critica que o gabinete presidido por Inés Rey continúa sen esclarecer se vai reclamar a devolución por parte da concesionaria da cantidade paga de máis polo transporte e tratamento de refugallos entre 2011 e 2018.
Nin tampouco ten sido o Goberno Local capaz de dicir que “accións vai emprender para a concesionaria asumir a súa obriga de selar os vasos colmatados de lixo e custear esta actuación”, sendo que a “curiosa interpretación” que fai Albada é que “está obrigada a executar a obra, mais non a custeala”, conclúe Jorquera.