O novo contrato das bibliotecas incumpre o acordo de mandato por non unificar a rede baixo a xestión directa

Biblioteca Municipal de Os Rosais
O grupo municipal do BNG ve no contrato das bibliotecas municipais de xestión indirecta, adxudicado este mércores pola Xunta de Goberno Local, un claro incumprimento do acordo de mandato asinado en xuño de 2019 pola formación nacionalista co PSdG-PSOE, pacto que tornou viábel a investidura de Inés Rey.
O novo contrato das bibliotecas incumpre o acordo de mandato por non unificar a rede baixo a xestión directa

O incumprimento do acordo vén dado porque o contrato non vai encamiñado á unificación da rede (a que todas as bibliotecas teñan xestión directa por parte do Concello). Continuará a haber bibliotecas xestionadas por unha concesionaria e outras levadas directamente polo Concello. Alén do máis, a finalización do contrato (adxudícase por dous anos, coa posibilidade de se prorrogar un exercicio máis) xa fica fóra do actual mandato, polo que está claro que non existe vontade política por parte do Goberno Local de ir á unificación neste período.

De por parte, o contrato elévase en 245 mil euros a respecto da adxudicación anterior, mais a xuízo do BNG este incremento non é suficiente para atender as novas prestacións que en teoría a concesionaria está obrigada a prover: a cobertura das vacacións do persoal, a implantación dunha biblioteca dixital e a atención ao punto de préstamos de Novo Mesoiro.

Hai outro asunto que pode ter consecuencias económicas que presumibelmente non poderían ser atendidas por ese exiguo incremento na contía do contrato: a hipótese de que o cadro de persoal gañe o conflito colectivo que ten interposto nos xulgados, o que podería derivar nun aumento da masa salarial.

 

O novo contrato das bibliotecas incumpre o acordo de mandato por non unificar a rede baixo a xestión directa