PREGUNTA ORAL AO CONSELLEIRO DE CULTURA ESTE MÉRCORES
Nova iniciativa de Mercedes Queixas para salvar os murais de Urbano Lugrís
A responsábel de Cultura do grupo parlamentar do BNG e concelleira nacionalista electa, Mercedes Queixas, vaille dirixir unha pregunta oral ao conselleiro, Román Rodríguez, no Pleno que vai ter lugar o vindeiro mércores, arredor dos murais de Urbano Lugrís.
“Que medidas de protección vai activar o goberno da Xunta co conxunto muralístico de Urbano Lugrís, situados no entresollado dun edificio en ruínas na coruñesa Rúa Olmos, 25-27, á vista do severo risco de desaparición?”, inquire a parlamentar do BNG.
Na exposición de motivos desta iniciativa, Queixas salienta que a integridade dos murais sofre un serio risco tal é como mesmo puxo de manifesto a inspección do interior do edificio da Rúa Olmos realizada por técnicos do Concello o 21 de xaneiro de 2023.
“O devandito informe confirma a afectación dos murais provocada por varias entradas de auga, nomeadamente a que se produce polo lucernario da escaleira situada no inmóbel, e a apertura de fendas reabertas no gran mural que preside a arcada, o que compromete a súa conservación”, alega Queixas.
Perante o estado ruinoso en que se acha o edificio, o BNG instou a Xunta a –en pregunta oral dirixida pola propia Queixas á directora xeral de Patrimonio Cultural- a que incoase o expediente para outorgar a consideración de Ben de Interese Cultural a estes murais do xenial pintor.
A resposta da directora xeral foi decepcionante, ao considerar que os murais da Rúa Olmos xa contan con suficiente protección. “Non partillamos ese punto de vista en absoluto. O informe dos técnicos municipais é moi claro. A obra muralística de Urbano Lugrís, toda ela, ten que ser declarada BIC”, conclúe.