“A nosa cidade-modelo empeza por revitalizar os barrios e o emprego”

Francisco Jorquera en Ascega este xoves
Francisco Jorquera en Ascega este xoves.

O BNG esboza a súa proposta de cidade-modelo, cun espazo público accesíbel a toda a veciñanza, un comercio de proximidade vizoso, e a orientación das políticas municipais á creación de emprego.

“A nosa cidade-modelo empeza por revitalizar os barrios e o emprego”

“A nosa cidade-modelo empeza por revitalizar os barrios e o emprego”. O BNG empeza a esbozar aquela idea que Francisco Jorquera, o candidato nacionalista á Alcaldía, lanzara hai agora setenta días: A Coruña como unha cidade modelo, un modelo a imitar. Esta mañá, nun acto público na ASCEGA, Jorquera falou de emprego, mobilidade e comercio de barrio como tres eixos sobre os que construír esa cidade modelo: “unha cidade para vivir e para traballar”.


A primeira condición desde modelo a imitar é, segundo as nacionalistas, que as rúas e as prazas se democraticen. Por iso apela Jorquera a “unha democratización do espazo público, accesíbel a todas e todos, independentemente da nosa idade e de nosa condición funcional”. E concreta: “un espazo público que non estea ocupado polos coches”.


Cidade para vivir

Jorquera ve nas políticas de mobilidade que “amplíen as áreas peonís” e “muden o modelo de transporte (tamén a nivel comarcal)” a base para revitalizar a vida dos barrios a través dun tecido comercial “que se debe apoiar decididamente desde o Concello” e cuns mercados municipais que funcionen como “centros da vida barrial” e “indutores do comercio de proximidade: mellorando as instalacións, ampliando horarios e diversificando usos”.

Francisco Jorquera en Ascega este xoves (2)Comercio e mobilidade están deste xeito implicados na rexeneración dos barrios que propón Jorquera, “descentralizando” a actividade do centro da Coruña e apostando por políticas directas de apoio: desde un banco municipal de locais comerciais até a apertura dos mercados municipais a novos negocios a parte da oferta tradicional.


Cidade para traballar

“A calidade urbana non pode agochar unha casca baleira dentro dun envoltorio bonito”, advirte Jorquera. E insiste: “desde o BNG pulamos por unha cidade para vivir e para traballar”. 

“Sabemos que as competencias do Concello en materia económica son limitadas, pero o Concello ten que exercer un papel de liderado, estar comprometido coa xeración de emprego”, reflexiona o candidato nacionalista. O BNG levará no seu programa a creación do Consello Económico e Social da cidade, a posta en marcha do plan de industrialización que, "sen renunciar á vocación industrial da comarca”, acompañe á innovación, e unha vontade de incidir desde “o investimento e a contratación municipal” na dinamización da economía local. “Para ser un axente dinamizador, o Concello ten que investir”, recalca Jorquera. E conclúe o primeiro trazo desa cidade-modelo: “A nosa cidade-modelo empeza por revitalizar os barrios e o emprego”.

“A nosa cidade-modelo empeza por revitalizar os barrios e o emprego”