MEDIO AMBIENTE

Un non rotundo á Planta de Hidrocarburos que se pretende facer no porto de Oza

A nosa Portavoz Municipal Avia Veira e o noso Responsábel Local Manel Méndez, no momento da presentación das alegacións esta mañá
A nosa Portavoz Municipal, Avia Veira, e o noso Responsábel Local, Manel Méndez, no momento da presentación das alegacións esta mañá

Presentamos esta mañá as nosas alegacións á Planta de Hidrocarburos que a Consellaría de Medio Ambiente estuda permitir instalar no peirao de Oza

É  un despropósito que a Consellaría de Beatriz Mato, a presunta candidata á alcaldía da Coruña, pretenda instalar na bocana da Ría do Burgo esta Planta. É pública e unánime a resposta tanto da veciñanza do barrio dos Castros e do barrio de Oza, como de varias administracións que xa teñen tomado posición en contra da súa instalación e teñen demandado que non se leve a cabo o proxecto. E agardamos que esta fronte veciñal e institucional faga recapacitar á conselleira e que finalmente non se autorice a construción da Planta

Lembramos que os plenos dos concellos da Coruña, Oleiros e Cambre e o Pleno da Deputación teñen xa aprobado sendas mocións, por iniciativa da veciñanza do barrio dos Castros, en rexeitamento desta planta de pretratamento de óleos

Un non rotundo á Planta de Hidrocarburos que se pretende facer no porto de Oza

Vimos de presentar esta maña as que son as nosas alegacións (podes descargalas premendo aquí) ao Proxecto básico de solicitude de autorización ambiental integrada para a planta de recepción e pretratamento de residuos xerados por buques, Oza (A Coruña), que segundo o procedemento aberto pola Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está estudando permitir instalar no peirao de Oza, a menos de 500 metros do barrio dos Castros e ao pé da entrada da Ría do Burgo.

Desde xeito, damos continuidade, logo de asinar a moción conxunta que a Asociación Veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros trasladou ao Pleno da Coruña, así como a distintos concellos da comarca, e mesmo chegou a debaterse e a se aprobar no pasado Pleno da Deputación celebrado o 23 de febreiro, ás accións encamiñadas a impedir a construción desta infraestrutura, entre elas unha interpelación e sendas proposicións non de lei presentada no Parlamento de Galiza no pasado mes de novembro.

Vista aérea do porto de Oza cos pantaláns deportivos en primeiro termo

Así, lembramos nas nosas alegacións que o propio Concello da Coruña, no informe técnico do Departamento de Xestión Enerxética e Residuos Urbanos, recollendo as indicacións da Ordenanza Municipal de Verteduras e do Servizo Municipal de Saneamento, emitido a solicitude da propia Consellaría, considerou que este proxecto “pode causar impactos ambientais significativos e que se trata (precisamente) dunha zona de sensibilidade especial”, polo que establecía medidas adicionais a considerar antes da aprobación do proxecto, tales como que “debería ser obxecto dunha avaliación ambiental ordinaria (e non simplificada)”.

Neste sentido, recordamos que a instalación se prevé nunha localización a menos de 500 metros de bancos de produción marisqueira, ao carón de sendas praias (Oza, Santa Cristina e Bastiagueiro), ao carón dun complexo náutico deportivo, dentro do conxunto urbano do barrio de Oza, asiduamente atacado por ser a zona dos peiraos da Coruña onde se teñen desenvolto actividades altamente contaminantes, causantes dunha contrastada polución medioambiental, como descargas de carbón e outros materiais, e por existir desaugues ou canalizacións que teñen producido filtracións e verteduras de hidrocarburos.

É  un despropósito que a Consellaría de Beatriz Mato, a presunta candidata á alcaldía da Coruña, pretenda instalar na bocana da Ría do Burgo esta Planta. É pública e unánime a resposta tanto da veciñanza do barrio dos Castros e do barrio de Oza, como de varias administracións que xa teñen tomado posición en contra da súa instalación e teñen demandado que non se leve a cabo o proxecto. E agardamos que esta fronte veciñal e institucional faga recapacitar á conselleira e que finalmente non se autorice a construción da Planta.

A Coruña, 31 de maio de 2018.

 

Noticias relacionadas:

Un non rotundo á Planta de Hidrocarburos que se pretende facer no porto de Oza