Por que non se quere dotar o Centro de Saúde de Novo Mesoiro con máis persoal?
Queremos amosar o noso malestar polo rexeitamento, este venres 27, na Comisión de Sanidade, da Proposición non de lei que presentaramos no Parlamento de Galiza a respecto da situación do cadro de persoal do centro de saúde de Novo Mesoiro.
Criticamos o rexeitamento das nosas iniciativas no Parlamento galego que demandaban dotar o centro de saúde de Novo Mesoiro co cadro de persoal preciso
A iniciativa que presentamos demandaba que o Parlamento de Galiza instara ao Goberno galego a dotar ao centro de saúde de Novo Mesoiro co cadro de persoal preciso para dar cobertura sanitaria a todas as persoas da súa área de influencia e, de xeito inmediato, a creación dunha nova praza de pediatría.
Lembramos, tal e como ten denunciado a asociación veciñal, que o centro de saúde de Novo Mesoiro atende a unha poboación aproximada de 12.000 persoas, das que máis de 1.800 son nenas e nenos. Asemade, e como se ten constatado, a atención é só en horario de mañá, derivando os servizos aos que se prestan no centro de saúde de Matogrande, sen conexión directa a través do servizo público de transporte, e a dotación de profesionais sanitarios é tan só de dúas prazas de médico de familia e tres de enfermaría.
A Proposición Non de Lei, que foi rexeitada unicamente co voto en contra do PP, trasladámola despois das denuncias da situación do centro efectuadas pola asociación veciñal que comezou unha recollida de sinaturas no barrio e a través da plataforma Changue
No debate na Comisión sinalabamos que, por riba, a carencia de persoal viuse agravada desde o pasado mes de decembro, data na que se pechou o cupo de pediatría. Non se aceptan máis altas novas, e toda as nenas e todos os nenos que nazan teñen que solicitar pediatra noutro centro de saúde, salvo que teñan un/unha irmán/irmá con alta no propio centro de Novo Mesoiro.
A nosa deputada Montse Prado indicou na súa intervención na Comisión que, tal e como denuncian as veciñas e veciños de Novo Mesoiro, a pesares de ser un barrio que aumenta en poboación, e ter un dos maiores índices de nacementos de toda Galiza, con máis nenas e nenos en idade escolar da Coruña, teñen unha carencia importante de servizos públicos, sen servizo de transporte directo ao CHUAC, aos centros de especialidades médicas ou a outros centros de saúde.
Avia Veira: Recollemos as demandas da veciñanza do barrio e presentamos esta iniciativa para que o Parlamento de Galiza instara o Goberno galego a dotar ao centro de saúde de Novo Mesoiro co cadro de persoal preciso para dar cobertura sanitaria a todas as persoas da súa área de influencia e, de xeito inmediato, a creación dunha nova praza de pediatría. O voto en contra do Partido Popular demostra claramente a pouca importancia que lle dá ás demandas e necesidades da veciñanza
Na réplica realizada desde os representantes do Goberno da Xunta, argumentouse que as ratios actuais para o centro de saúde de Novo Mesoiro estaban dentro dos parámetros que establece o Sergas a respecto da atención de pediatría e atención primaria e trasladouse unha emenda na que se propoñía o dotar ao centro de saúde de Novo Mesoiro do cadro de persoal preciso coa condición de que o número de nenos e nenas o indicaran, e sempre que haxa posibilidade de cubrila sen prexuízo doutras cotas ou localidades. Neste sentido, a nosa compañeira Montse Prado comunicou que se fixeran as consultas pertinentes coa veciñanza do barrio indicando esta que a demanda actual xa está máis que xustificada e que é incomprensíbel que a dotación de persoal se supedite ao feito de exclusión entre localidades cando estivese contrastada a necesidade.
Esta Proposición non de lei foi recollida polo Grupo Municipal do BNG atendendo ás reivindicacións da veciñanza do barrio. A iniciativa da veciñanza de Novo Mesoiro amosa até que punto é importante o ter un tecido asociativo vivo e reivindicativo, que traslada a realidade e o día a día da xente e dos seus problemas. Lembramos que na actualidade a AVV está recollendo sinaturas polo barrio e a través da plataforma en internet Change para solucionar o déficit do cadro de persoal do centro de saúde do barrio. Amosamos o noso malestar polo rexeitamento desta iniciativa no Parlamento polo voto negativo do PP, mais non deixaremos de apoiar as reivindicacións da veciñanza para que se dote do persoal sanitario ao centro de saúde., sinala a nosa portavoz no Concello Avia Veira.
Preme aquí para poder ver o debate na Comisión
Artigos relacionados
- O BNG leva ao Parlamento de Galiza as demandas da veciñanza de Novo Mesoiro polo centro de saúde
- Carril: "Hai 10.000 razóns para estar en Novo Mesoiro e para dotar o barrio de equipamentos"
- O BNG pide o restabelecemento do servizo de Pediatría de Novo Mesoiro
- Bravo reclama melloras en ensino e sanidade para o barrio de Novo Mesoiro
A Coruña, 28 de maio de 2016