"Non pode ser que a Xunta continúe sen actuar", afirma Queixas ante a nova agresión ao persoal sanitario do CHUAC

“Non pode ser que a Xunta continúe sen actuar, sen impulsar os protocolos de seguridade que o persoal sanitario do CHUAC está a reclamar”, afirma a deputada do BNG Mercedes Queixas perante a nova agresión sufrida por traballadoras do hospital coruñés.
“Este mesmo luns, reunímonos con profesionais do CHUAC. Están moi preocupadas e preocupados. Comprometémonos a levar as súas demandas ao Parlamento”, indica Queixas.
O BNG xa ten rexistrado unha proposición non de lei por medio da cal insta a Xunta a que implemente de forma inmediata os protocolos de actuación e seguridade para todas as profesionais do CHUAC.

Perante a inseguridade que vive o persoal sanitario, a única resposta do Goberno galego ten sido anunciar unha mudanza na Lei de Sanidade, “recollendo protocolos do SERGAS que existen desde hai 10 anos pero que a xerencia do CHUAC veu incumprindo”.
Canto ás sancións, Queixas entende que a abordaxe punitiva non resolve o problema. “O que fai falta é o reforzo do cadro de persoal do CHUAC e adaptar as infraestruturas dos espazos sanitarios para atender as persoas doentes que, a causa das súas patoloxías, teñan un perfil agresivo. O que cómpre é garantir ás e aos profesionais sanitarios que van poder desenvolver o seu labor en condicións de seguridade”, conclúe Queixas.