"Non imos cambiar de políticas, imos seguir sendo coherentes, consecuentes, sincer@s e étic@s"
A Coruña, 25 de maio de 2015.- O candidato do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, puxo de manifesto en declaracións aos medios tras coñecer o resultado das eleccións que logo de catro anos de intenso traballo, sabemos o que é traballar na oposición fronte a un goberno que ten a maioría absoluta e que a empregou, precisamente, para destruír todo aquilo que enriquecía A Coruña como unha cidade galega, de barrios e pública. Precisamente, hai un cambio que hai que valorar positivamente, un cambio ao que contribuíu o BNG por eses catro anos de oposición, pois todos os temas que sacou o BNG estiveron na axenda e mesmo no programa das outras forzas políticas, sinalou.
Neste contexto, Carril apuntou que para o BNG-Asembleas Abertas, o principal obxectivo neste novo escenario político é continuar con ese traballo que vimos facendo estes catro anos, que é garantir que Todas As Coruñas estean presentes, garantir que haxa políticas galegas e de esquerdas, garantir que haxa servizos sociais públicos para corrixir as desigualdades sociais e que haxa tamén sectores produtivos dinámicos e enriquecidos para crear emprego e benestar.
Non obviamos os resultados, que non son bos para o BNG, pero tamén e certo que houbo moitas ansias e intencións de que o BNG desaparecera da Corporación municipal e seguimos estando na Corporación municipal, afirmou. A continuación, Carril exclamou que haberá que seguir roendo porque non imos cambiar de política, imos seguir sendo coherentes, consecuentes e, sobre todo, sinceros e éticos nas nosas posturas. O BNG-AA vai seguir na Corporación apostando por Todas As Coruñas porque aí esta o futuro da cidade, concluíu.
O candidato nacionalista aproveitou a súa comparecencia ante os medios para agradecer o intenso traballo dos e das militantes e das simpatizantes do BNG e para parabenizar a todas as forzas políticas, nomeadamente á Marea e Xulio Ferreiro.