Carril: "É moi importante crermos para vencermos"
A Coruña, 24 de maio de 2015.- O candidato do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, exerceu o dereito ao voto ás 9h, momento no que abriron os colexios electorais. Fíxoo no CIFP Ánxel Casal, acompañado da número dous da lista, María Xosé Bravo, que exerce de apoderada neste centro.
En declaracións aos medios despois de votar, Carril puxo de manifesto que é moi importante crermos para vencermos, e onte houbo unha evidencia, sinalou en alusión á permanencia do Deportivo en Primeira División. Se un acredita nas cousas, as cousas poden mudar, engadiu.
Nesta liña, o cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas insistiu en que se as cousas se queren cambiar, primeiro hai que acreditar na posibilidade do cambio. E para iso apelou ás ferramentas que temos na nosa man. Unha destas ferramentas é, precisamente, votar, como xa fixemos María Xosé Bravo e eu e como esperamos que fagan moitas persoas, porque por aí poden vir os cambios e os valados tronzados, concluíu.