DEBATE SOBRE AS CONTAS DO CONCELLO EN ASCEGA
O Goberno Local volve incumprir o Acordo de Investidura: todo apunta a que prorrogará os orzamentos
O problema é que todo apunta a que, como xa sucedera coas contas de 2021, o Concello non vai ter novos orzamentos en 2023, senón que serán prorrogados os actualmente vixentes. Estaríamos ante un novo incumprimento do Acordo de Investidura asinado en xuño de 2019 polo BNG e polo PSdeG en virtude do cal o grupo socialista se comprometía a iniciar a negociación dos orzamentos no mes de setembro. Cousa que obviamente non aconteceu, denunciou Jorquera.
Falta de capacidade de diálogo por parte do Goberno Local, incumprimento dos acordos e escasa dilixencia á hora de executar as contas que si foron aprobadas (no que vai de mandato, orzamentos de 2020 e de 2022). “De nada vale orzar se logo non se executa. E unha constante ao longo deste mandato ten sido o baixo nível de execución”, remarcou Jorquera. O voceiro forneceu un dado abondo elocuente: no capítulo de investimentos –segundo a Conta Xeral de 2021- só se gastou realmente un 33,43% do diñeiro orzado.
Non por acaso o BNG optou pola abstención nos orzamentos de 2022. No debate habido no seu momento xustificamos a nosa posición co argumento de as contas non seren críbeis. Os feitos déronnos a razón.
No debate organizado por Ascega (Asociación de Emprendedores de Galiza) declinou estar presente o Goberno Local, máis unha proba de que a disposición ao diálogo non é precisamente a súa especialidade. Canda Jorquera participaron na troca de argumentos Alberto Lema (Marea Atlántica) e Rosa Gallego (PP).