O Nadal de 1 millón de euros

O Nadal de 1 millón de euros

CabalgataA Coruña, 19 de xaneiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Goberno do Sr. Negreira dilapidou máis de 1 millón de euros no Nadal, segundo os datos aos que vén de ter acceso o BNG. Así, o expediente do IMCE que recolle os custos da cabalgata de reis deste 2015 reflicte que só este organismo municipal gastou un total de 375.764,35 euros na cabalgata, uns cartos aos que hai que sumar os gastos do belén municipal e os reis magos e das visitas de papá noel pola cidade, un total de 16.980,62 euros. A maiores, habería que engadir os gastos derivados do poboado lapón, que valeu ao redor de 214.000 euros, e os gastos do alumeado de Nadal, que nesta campaña navideña se dispararon aos 422.441,25 euros.

O Grupo Municipal do BNG rexeita que se empregue tal cantidade de cartos públicos no nadal, cuxos gastos poderían ser moitísimo máis reducidos. O excesivo gasto neste ostentoso nadal responde á política de pouco pan e moito circo do PP na cidade da Coruña, que tampouco tivo reparos en gastar máis de 2 millóns nas festas de María Pita. A este respecto, o Bloque critica que o PP gaste esta cantidade obscena cando recorta en cultura e en servizos sociais. Así, mentres non hai cartos para a compra de libros nas bibliotecas e mentres hai familias que seguen á espera dunha axuda de emerxencia social que non chega, o Goberno do Sr. Negreira non ten reparo en gastar máis de 1 millón de euros só no nadal.

As nacionalistas consideran unha auténtica indecencia gastar semellante cantidade de recursos públicos no nadal cando o paro segue a ser a máxima preocupación do pobo da Coruña, un pobo que cada vez está máis empobrecido. Non hai que esquecer que en setembro, outubro e novembro o desemprego subiu en 741 persoas e que a día de hoxe se atopa nas 21.698 persoas. A esta cifra habería que sumar todas aquelas persoas que xa non se anotan nas listas do paro por teren rematada a prestación e mais o impacto de todas aquelas que se ven na obriga de emigrar por non ter acceso a un traballo digno na terra.

 

As contas do Nadal de luxo do Sr. Negreira

  • Total gastos cabalgata: 375.764,35 euros

Pasarrúas Manicómicos: 39.314 euros

Aristides Tonet Vieira Dias: 50.699 euros (Les Minuscles e Les Gnomikys)

D collage Art i Difusio S.L.: 37.595,04 euros

Musics de Girona SCCL (Charanga Dixie Boys) : 3.015 euros

Asociación Cultural e Muscial desde Galicia Tocando (Charanga DGT): 800 euros

Asociación Cultural e Musical Charanga Compostela (Charanga Compostela): 800 euros

Axiña Servizos Deportivos (servizo de acompañamento): 17.600 euros

José Carlos Vega Primo (aluguer 8 trens): 14.641 euros

CEGA congresos audiovisuais (aluguer equipos de luz, son e audiovisuais): 20.824,10 euros

Ediciones y Producciones Empresariales SAU (8.000 kg de caramelos): 16.016 euros

Pegadas Sociedade Cooperativa (camisetas serigrafiadas): 9.429 euros

Persoal complementario Sermasa: 6.560,08 euros

Galicia Vella de Inversiones y Logística (cátering): 201,47 euros

Seguridade Eulen: 9.465,54 euros

Varios (speaker, transporte de nenos e compañías, disparo de confeti, traslado de materiais, enganches, iluminación trens): 30.000 euros

Varios (aluguer de infraestruturas, valadas, saúdo real, carpas, aluguer de estruturas para a chegada dos reis magos, torre para o lanzamento de confeti): 20.000 euros

Varios (pulseiras, globos de led, chocolate cartaces, vinilos, complementos figurantes): 18.000 euros

Varios (limpeza): 943 euros

Carrozas aluguer. Axiña servizos deportivos: 79.860 euros

  • Poboado lapón: 90.408,5 euros montaxe, 90.750 euros animación e 11.151,36 euros seguridade. Falta coñecer os gastos de publicidade, que o ano pasado ascenderon a 21.628,75 euros só no que respecta aos 125 valados publicitarios instalados no exterior. Total: 213.938,61 euros

  • Belén municipal e visitas papá noel: 8.698,8 euros

  • Belén municipal e reis magos: 8.221,9 euros

  • Alumeado ornamental da campaña navideña: 422.441,25 euros

TOTAL GASTOS NADAL: 1.029.064,91 euros

 

O Nadal de 1 millón de euros