PREGUNTAS POR ESCRITO DE AVIA VEIRA

Nada programado no Concello nin para o Día do Libro nin para o Día das Letras Galegas

Libros
“Ausencia de programación cultural arredor do libro”. Iso é o que denuncia Avia Veira nunha batería de preguntas por escrito ao Goberno Local que acaba de rexistrar no Concello. Esa ausencia faise especialmente notoria estes días tendo en conta que “non hai nada programado nin para o Día do Libro deste próximo venres nin para o Día das Letras Galegas”.
Nada programado no Concello nin para o Día do Libro nin para o Día das Letras Galegas

Recorda Avia Veira que no Acordo de Investidura subscrito en xuño de 2019 por BNG e PSdeG figuraba o compromiso de o Concello organizar quer unha Semana quer unha Festa do Libro. En outubro dese mesmo ano o Goberno Local reafirmou ese obxectivo. Nada diso se fixo coa pandemia como contexto.

Porén, agora que a situación sanitaria é “algo mellor”, o BNG constata que “ningún destes proxectos ten visos de levarse a cabo cando menos arredor da data do Día do Libro que é o venres desta semana”, critica a concelleira nacionalista.

“A Coruña é unha cidade de libro, cunha potencialidade enorme para facer medrar este sector, que é estratéxico desde o punto de vista da cultura, mais tamén do punto de vista económico”, argúe Veira, quen a este respecto salienta que “A Coruña é unha cidade rica en librarías” e é sede tamén “dunha ducia de editoriais” e de “distintas asociacións profesionais importantísimas para o sector do libro”, tales como a Asociación Galega de Profesionais de Tradución e da Interpretación, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración ou a Asociación Galega de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

“A Coruña é unha cidade de libro, cunha potencialidade enorme para facer medrar este sector, que é estratéxico desde o punto de vista da cultura, mais tamén do punto de vista económico”

Na batería de preguntas por escrito, a edil nacionalista inquire o Goberno Local se executou a partida de adquisición para as bibliotecas municipais, ao tempo que se interesa polas razóns que levaron a Concellaría de Cultura a non ter publicada ningunha programación arredor do Día do Libro.

“Ten contactado o Goberno Local coas editoras, coas librarías, coas escritoras e cos escritores da nosa cidade, coas bibliotecas municipais para organización programación específica arredor do Día do Libro até o Día das Letras Galegas?”, inquire tamén Veira.

A concelleira nacionalista salienta que o Concello si tivo Festa do Libro e si tivo o Achegarte durante o mandato (2007-2011) en que o BNG tivo responsabilidades á fronte da Concellaría de Cultura.

 

Nada programado no Concello nin para o Día do Libro nin para o Día das Letras Galegas