UNHA INICIATIVA DE DAVID SOTO PARA O #PLENODECEMBRO DESTE XOVES 14D
Un Museo Galego da Emigración, proposta do BNG para unha nova estratexia en materia de turismo
Unha estratexia global sobre a política de turismo é a que dá corpo á moción que sobre esta materia vai defender o noso concelleiro David Soto no Pleno de decembro que se vai realizar este xoves 14D.
O BNG entende que o Plan Estratéxico de Turismo 2017-220 foi “un plan ambicioso”, mais “cun cumprimento escaso”. Do que se infire que se torna necesario “un novo plan actualizado, pois o anterior ficou desfasado en varios aspectos”, remarca Soto.
Un novo Plan Estratéxico de Turismo debería acometer actuacións específicas en varios ámbitos, desde a promoción da gastronomía local tradicional (o concurso tapas Picadillo, o festival SAL e o Lacónicas son “accións axeitadas”, mais faise precisa unha acción específica para a promoción turística da gastronomía coruñesa) até a mellora da promoción e divulgación da Torre de Hércules (nos últimos anos acabáronse as visitas nocturnas e os horarios de visita deben ampliarse en temporada alta).
E nese contexto dunha nova estratexia é onde o BNG insire a súa proposta de creación dun Museo da Emigración Galega. A este respecto, explica David Soto que “existe un en Bos Aires, pero ningún en Galiza, a pesar da importancia social, económica e histórica da migración no noso país e da importancia da Coruña como punto de partida de boa parte da migración galega”.
A moción detense tamén no funcionamento do Consorcio de Turismo e Congresos e nese sentido propón medidas para mellorar a súa transparencia: a sede electrónica e, moi especialmente, o perfil do contratante está inactivo desde hai meses, censura Soto.
En definitiva, a pesar de que no último exercicio A Coruña experimentou un incremento no número de visitantes, o BNG cre necesario “dinamizar o turismo na cidade”. E a ese respecto Soto desliza dúas claves: “A Coruña continúa a ser a terceira cidade en número de visitantes de Galiza e moitas e moitos cruceiristas apenas fican na cidade durante a súa visita”.