PREGUNTA ORAL AO EXECUTIVO CORUÑÉS NO #PLENODECEMBRO DO XOVES 14D
Jorquera insta o Goberno Local a que actúe no Centro Deportivo do Castrillón: mal servizo e represalias ao persoal
A situación é dunha “extrema gravidade”, a xuízo do noso portavoz no Concello, Francisco Jorquera, quen a colocará no Pleno do vindeiro xoves 14D en forma dunha pregunta oral.
“É coñecedor o Goberno Local das condicións nas que está prestando o servizo a empresa contratada por EMVSA para a posta en marcha do Centro Deportivo do Castrillón?”, inquirirá Jorquera ao Executivo coruñés.
Lembra Jorquera que, contra o criterio do BNG e tamén da veciñanza, o Goberno Local decidiu no seu momento desbotar a xestión directa do Centro Deportivo do Castrillón, optando por unha concesión conxunta co Centro Deportivo de San Diego.
Mentres esa licitación conxunta non se realizar, EMVSA recibiu a encomenda, a esta altura xa caducada, de xestionar o centro deportivo. O problema é que esta empresa municipal non contaba cos recursos suficientes para o facer, polo que se viu obrigada a subcontratar a xestión cunha empresa privada.
Mais a prestación do servizo por parte desa subcontrata privada é moi deficiente e as irregularidades son “sistemáticas”. “O cadro de persoal é insuficiente para atender os labores asignados. O persoal vese na obriga de realizar de xeito simultáneo diversas tarefas: labores de mantemento, socorrismo, como monitoras/es, en moitas ocasións sen teren a titulación precisa”, relata Jorquera.
Lembra Jorquera que, contra o criterio do BNG e tamén da veciñanza, o Goberno Local decidiu no seu momento desbotar a xestión directa do Centro Deportivo do Castrillón, optando por unha concesión conxunta co Centro Deportivo de San Diego.
A situación chega ao punto de que ten habido veces en que “o persoal tense que desprazar para realizar outros labores, abandonando as funcións que tiñan asignadas e ficando as persoas usuarias das instalacións sen a súa atención”.
O persoal loxicamente denunciou estas deficiencias a través dun comunicado público e a empresa, no canto de tentar arranxalas, cargou contra os dereitos máis elementais das traballadoras e os traballadores: “Obrigounas a asinar un escrito conforme non estaban afiliadas a ningún sindicato, vulnerando así dereitos fundamentais, como o dereito a se sindicar libremente e a non poder ser forzadas a declarar a súa afiliación”, denuncia Jorquera.
A cousa non rematou aí e as represalias traducíronse en despedimentos. “É unha situación intolerábel. O Goberno Local ten a obriga de tutelar as condicións nas que se prestan os servizos municipais. Ten que garantir o cumprimento por parte das empresas das súas obrigas e por suposto ten que garantir que se respecten os dereitos das e dos traballadores”, conclúe Jorquera.