JORQUERA PROPÓN UN PLAN DE INVESTIMENTOS PARA CORRIXIR O DÉFICIT DE INSTALACIÓNS MUNICIPAIS

Moi enriquecedor encontro co Tecido Deportivo da Cidade

Jorquera encontro co tecido deportivo da cidade
Jorquera encontro co tecido deportivo da cidade
A Coruña arrastra un importante déficit de instalacións deportivas que non se deu arranxado nos últimos mandatos, polo que o BNG propón un plan de investimentos que melloren significativamente os equipamentos de que dispón o Concello.
Moi enriquecedor encontro co Tecido Deportivo da Cidade

A proposta fíxoa o candidato do BNG á Alcaldía, Francisco Jorquera, durante un Encontro co Tecido Deportivo da Cidade que tivo lugar no salón de actos do Clube de Santo Amaro e que reuniu unha variada representación de colectivos coruñeses vinculados ao deporte: fútbol (Asociación de Fútbol Aficionado), rugby (CRAT), waterpolo (AC Waterpolo), ximnasia (Club Ximnasia A Coruña), skate, empregadxs das escolas deportivas municipais, conserxes das instalacións deportivas...

“Hai que desenvolver un plan de investimentos orientado a corrixir o déficit de instalacións deportivas municipais”, defendeu Jorquera. Un plan con varios obxectivos, precisou. O primeiro, “resolver a carencia de instalacións municipais de atletismo aptas para a práctica das distintas modalidades, nomeadamente os lanzamentos”. O segundo, “a habilitación de espazos deportivos cubertos multifuncionais para atender as distintas demandas”.

Cómpre igualmente, propón Jorquera, que se realicen xestións diante das administracións correspondentes para abrir as instalacións deportivas dos Centros de Educación Infantil e Primaria e dos Institutos de Ensino Secundario fóra do horario lectivo “para a actividade deportiva dos barrios e a veciñanza en xeral”.

Jorquera encontro co tecido deportivo da cidade 2
Francisco Jorquera e Rai Martínez, no Encontro co Tecido Deportivo

O deporte concíbeo o BNG como un dereito de toda a comunidade, “sen discriminación de idade, sexo, condición física, social, cultural, étnica ou racial”, de modo que os poderes públicos, neste caso o Concello, teñen a obriga de facilitar os medios para que practicamente todo o mundo faga algún tipo de actividade deportiva.

Nese sentido, Jorquera defende a creación de espazos no medio natural da cidade que permitan a actividade física, como o sendeirismo, a carreira ou o ciclismo, e tamén a habilitación de espazos no ámbito urbano para a práctica de modalidades como o skate ou o básket.

O candidato do BNG fixo tamén un balance da xestión feita polo actual Goberno Local nesta materia. Ao seu xuízo, as sucesivas crises á fronte da Concellaría de Deportes –o primeiro titular foi Juan Ignacio Borrego, despois asumiu a responsabilidade Mónica Martínez, finalmente foi a alcaldesa quen se fixo cargo- foron un lastre para a xestión. Ao ser destituída Martínez e as competencias recaeren directamente na alcaldesa, a consecuencia práctica, entende Jorquera, é que “a área ficou na práctica descabezada”.

Porén, recoñeceu Jorquera que houbo algunhas iniciativas “positivas” que “deben ter continuidade e seren reforzadas”, como a constitución do Consello Municipal de Deporte e os distintos grupos a el vencellados.

Jorquera encontro co tecido deportivo da cidade 3
Representantes dunha vintena de colectivos deportivos participaron no encontro

A inestabilidade –e a falta de dilixencia na xestión característica deste Goberno Local- afectou igualmente os convenios nominativos coas entidades deportivas da cidade, cuxa aprobación, ao ser prorrogado o orzamento do Concello de 2022, ficou adiada até este mes de abril. “Non é ese precisamente un bo exemplo de como facer as cousas”, remarcou Jorquera.

Grandes eventos

Sobre a política de grandes eventos, o candidato do BNG precisou que o Bloque non se opón a eles sempre e cando “teñan un retorno para a cidade en forma de promoción, captación de turismo, incentivo para a práctica deportiva”.

Mais os grandes eventos non se poden financiar a costa de deixar sen recursos o día a día do deporte na cidade.

Nese sentido, e a respecto da ampliación do estadio de Riazor para ser A Coruña ser candidata a sede do mundial, Jorquera condiciónaa a que “haxa fontes de financiación e a non detraer recursos que teñen que ir destinados a atender as necesidades do deporte base, ao desfrute da práctica deportiva por canta máis xente da cidade, mellor”, concluíu.

 

 

 

 

 

Moi enriquecedor encontro co Tecido Deportivo da Cidade