Unha moción para protexer a contorna da Torre de Hércules e modificar o PXOM
O noso compromiso coa protección da contorna da Torre segue intacto malia o espaldarazo do TSXG á especulación urbanística. Por este motivo, a Moción que presentaremos no vindeiro Pleno ordinario, na que se pretende a modificación parcial do PXOM, busca o cumprimento dos compromisos electorais de todos os grupos políticos desta corporación municipal coa protección da Torre de Hércules como patrimonio da humanidade e da súa contorna.
Presentaremos no vindeiro pleno ordinario a moción para modificar parcialmente o PXOM
Manifestamos que o que perseguimos coa Moción é adoptar o acordo de mellorar esta protección, propoñendo unha modificación parcial do PXOM en que se contemple unha nova ordenación na contorna da Torre de Hércules que non permita construcións na zona buffer de protección, impedindo así novos volumes edificatorios en Durmideiras.
É hora de demostrarmos que todos os grupos municipais sabemos cumprir os nosos compromisos electorais para mellorarmos a protección da contorna da Torre de Hércules, impedindo novos volumes edificatorios en Durmideiras
Para nós non é o momento das meras declaracións, senón o momento de facer política en defensa dos intereses xerais da cidade, por iso interpelamos a aquelas formacións que se posicionaron no seu momento contra o proxecto para que actúen en consecuencia no Pleno no que se debata a Moción. E isto inclúe tamén ao Partido Popular, que, malia ser o responsable da aprobación do PXOM durante a súa etapa de goberno na anterior corporación municipal, na campaña electoral das eleccións municipais de 2015 asumiu expresamente o compromiso de retirar o proxecto de construción de novos volumes edificatorios en Durmideiras.
A mellor maneira para facelo é mediante unha modificación parcial do PXOM que non permita construcións na zona buffer de protección da Torre de Hércules
Por outra banda, tamén cremos que este momento debe ser aproveitado para actuar sobre o planeamento facendo cambios tamén en zonas como a Solana ou os terreos portuarios e os seus usos, polo que insta aos grupos da corporación a que, a través da Comisión de Urbanismo, dean un paso á fronte na defensa da cidade, do interese xeral e dun urbanismo non especulativo.
A Coruña, 31 de xullo de 2016
Artigos relacionados