MOCIÓN CONXUNTA BNG-MAREA-PP PARA REPROBAR A ACTITUDE DO EXECUTIVO CORUÑÉS

Ao fío da tramitación da Axenda Urbana, Avia Veira lémbralle ao Goberno Local que non ten maioría absoluta

Comparecencia conxunta BNG Marea PP
Avia Veira, Roberto Rodríguez e María García
O Goberno Local debe deixar de actuar como se tivese maioría absoluta e cesar na súa actitude “kamikaze” no que ten a ver coa tramitación da Axenda Urbana 2030, defendeu esta mañá Avia Veira durante a comparecencia conxunta BNG-Marea Atlántica-PP ante os medios para apresentaren unha moción asinada polos tres grupos que se debaterá no Pleno do vindeiro xoves.
Ao fío da tramitación da Axenda Urbana, Avia Veira lémbralle ao Goberno Local que non ten maioría absoluta

A moción ten dous aspectos básicos. O primeiro, reprobar –por antidemocrática- a forma en que o Goberno Local aprobou a Axenda 2030 –a través dun acordo da Xunta de Goberno Local e non dun Pleno do Concello. O segundo, instar o Executivo coruñés a que “no prazo máximo dun mes” constitúa a Comisión Especial Axenda Urbana 2030.

“Queremos que se reconduza o proceso e que o Goberno Local se ateña ao que se aprobou no Pleno de 3 de decembro de 2020, cando si avogou por que o conxunto da Corporación puidese tomar parte nos traballos de elaboración da Axenda Urbana”, dixo Avia Veira.

A concelleira nacionalista lembroulle ao Goberno Local que “estes tres grupos políticos que comparecemos conxuntamente representamos a maioría da Corporación”.

“O Goberno Local non ten a maioría absoluta. Ten que abandonar, por tanto, a súa actitude kamikaze. Van en solitario, sen asumir a máis mínima autocrítica”.

O consenso arredor da Axenda Urbana 2030 é necesario porque “estamos a falar dun documento que transcende este mandato e tamén o próximo”.

Salientou Veira que a decisión do Executivo coruñés de aprobar o documento nunha Xunta de Goberno Local e non nunha sesión plenaria podería mesmo pór en risco a subvención estatal de 250 mil euros que a Administración central outorga para financiar os traballos de elaboración da axenda.

 

 

Ao fío da tramitación da Axenda Urbana, Avia Veira lémbralle ao Goberno Local que non ten maioría absoluta