INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA PARA O PLENO DO 10N

Unha moción para se licitar o novo contrato de Nostián canto antes

Imaxe do exterior da Planta de Nostián
O BNG vai levar unha moción ao Pleno do vindeiro xoves 10N por medio da cal insta o Goberno Local a que proceda a licitar “coa máxima celeridade e rigor” o contrato que rexe sobre  a planta de Nostián, sendo que a actual concesión caducou en decembro de 2019 e que, por tanto, desde aquela altura o servizo préstase en precario.
Unha moción para se licitar o novo contrato de Nostián canto antes

Mentres non se materializar o novo contrato, o portavoz do BNG no Concello e autor desta moción, Francisco Jorquera, demándalle ao Executivo coruñés que vele “polo correcto funcionamento da planta”. Isto pasa por que se inste a prestataria do servizo, Albada, a que garanta un apropiado mantemento das instalacións.

O novo contrato, enfatiza Jorquera, ten que servir para Nostián se tornar efectivamente nunha “verdadeira planta de reciclaxe e compostaxe” e nesa dirección os pregos da nova concesión deben contemplar garantías para a fabricación dun compost aceptábel do punto de vista medio ambiental, ben como tamén para a drástica redución da porcentaxe de refugallos e o seu tratamento co menor impacto ambiental.

Nestes momentos Nostián “está moi lonxe de cumprir cos obxectivos que a dotan de razón de ser”, afirma Jorquera, quen achega un dato suficientemente elocuente: “En 2021 máis do sesenta por cento das toneladas de lixo tratadas na planta foron parar ao vertedoiro”.

Ante esta situación, o Goberno Local foi incapaz de adoptar medidas eficaces. “A pesar de a Concellaría de Medio Ambiente ter anunciado no seu momento un plan para mellorar a separación en orixe, que incluía campañas de formación e concienciación, o certo é que tampouco houbo novidades nesta materia”, di o concelleiro nacionalista.

E o problema é que as instalacións continúan a se degradar. “Nos temporais que se rexistraron neste outono, o vento arrincou placas do teito e a consecuencia é que chove dentro”, refire Jorquera. “Ademais diso, a escaseza de persoal fai que non haxa traballadores suficientes nas cintas para facer a separación e evitar que o material acabe no vertedoiro”, acrecenta.

A demora na licitación do novo contrato trae tamén prexuízos laborais para o cadro de persoal, con perda de dereitos, “ante a negativa de Albada a negociar un novo convenio após rematar a vixencia do anterior o 31 de decembro de 2017”.

Non rematan aí as disfuncións da planta: “Continúa sen haber unha solución definitiva aos refugallos, que se seguen a enviar ao Centro Xestor de As Pías en Sobrado dos Monxes e, alén diso, a empresa continúa a incumprir a súa obriga de selar o vertedoiro, desouvindo sentenzas xudiciais”, alega.

En definitiva, conclúe Jorquera que “A Coruña necesita un modelo de xestión do lixo que verdadeiramente se rexa polos principios de redución, reciclaxe e reutilización”.

 

Unha moción para se licitar o novo contrato de Nostián canto antes