ORZAMENTOS DO ESTADO
Unha moción para instar o Goberno do Estado incluír os investimentos necesarios para A Coruña nos orzamentos 2017
Solicitaremos o acordo do Pleno deste luns para que o Concello da Coruña inste o Goberno do Estado incluír os investimentos necesarios para a cidade e a súa área metropolitana nos orzamentos xerais
Presentamos unha moción na que, entre outras actuacións, se esixe que se garantan as partidas necesarias para a Ría do Burgo, o Porto Exterior, a Estación Intermodal, Alvedro, ou os servizos ferroviarios de proximidade
Os investimentos redúcense mais dun 40 % na nosa cidade e na súa área metropolitana, como xa dixemos en canto se presentou a proposta de orzamentos e, de xeito obsceno, renuncian ao desenvolvemento económico, a xeración de emprego, prescinden da mobilidade sostíbel ou da rexeneración da Ría do Burgo, sendo as propostas que se achegan esmolas sen criterio en partidas feitas que descoñecen as necesidades reais da Coruña
Presentamos para o seu debate este luns no Pleno unha moción (podes vela premendo aquí) na que solicitaremos o acordo para que o Concello da Coruña inste o Goberno do Estado incluír os investimentos necesarios para a cidade e a súa área metropolitana nos orzamentos xerais.
Esta semana xa fixemos a valoración da proposta de orzamentos presentada este pasado martes, e cualificamos como escandaloso que os investimentos se reduzan mais dun 40 % na cidade e na súa área metropolitana obviando novamente, entre outras actuacións prioritarias, a Ría do Burgo, o Porto Exterior, o Aeroporto e a mobilidade, polo que pretendemos, deste xeito, que exista unha postura unánime do consistorio para reclamar ao Estado os investimentos necesarios para A Coruña e a súa comarca.
Os investimentos previstos nos orzamentos xerais do Estado para o conxunto da comarca esquecen demandas históricas necesarias, renuncian de xeito obsceno ao desenvolvemento económico e a xeración de emprego e prescinden da mobilidade sostíbel e á rexeneración da Ría do Burgo, sendo as propostas que se achegan esmolas sen criterio en partidas feitas que descoñecen as necesidades reais da Coruña.
Deste xeito, a nosa proposta contempla que o Pleno tome o acordo de lle esixir ao Goberno do Estado que se garantan as partidas necesarias para a Ría do Burgo, o Porto Exterior, a Estación Intermodal, Alvedro, ou os servizos ferroviarios de proximidade, entre outras actuacións.
Por exemplo, solicitamos que se habiliten os investimentos necesarios para Ría do Burgo, nas que se incluísen partidas para a súa rexeneración, a realización do estudo de impacto medioambiental e un proxecto de rexeneración, como se vén demandando desde hai dúas décadas. Ou, a respecto do Porto Exterior, e como xa temos manifestado publicamente, que se financie integramente en base aos orzamentos xerais do Estado, tal e como se ten feito noutras cidades como en Xixón.
De igual modo, instase na proposta a habilitar as partidas necesarias para a Estación Intermodal, actuación que amosa inequivocamente a dupla faciana do Partido Popular xa que logo emprega un discurso distinto, segundo o faga aquí, na en Galiza, ou en Madrid, pois para a proposta de orzamentos de 2017 non aparecen partidas propias e diferenciadas para esta infraestrutura cando na nosa cidade están constantemente sinalando a importancia desta dotación.
Do mesmo xeito, e respecto a investimentos en actuacións no que ten que ver co ministerio de Fomento, recollemos na iniciativa unha serie de intervencións pendentes, tanto para a rede viaria de vehículos para tramos da AP-9 ou AC-14, como para a rede de servizos ferroviarios de proximidade, demandando a implantación do servizo comarcal ou o By-Pass de Betanzos ou as melloras para o tramo do Eixo Atlántico A Coruña – Ferrol, e que mesmo xa tiñamos cuantificado como propostas de emendas aos orzamentos presentados en 2015.
Finalmente, a iniciativa tamén recolle a proposta para que o Paramento de Galiza realice unha declaración institucional na que se solicite ao Goberno do Estado o aumento dos investimentos no conxunto de Galiza.
En definitiva, pretendemos que desde o Concello da Coruña se amose o rexeitamento unánime de todas as forzas a esta proposta de orzamentos e que se inste a garantir investimentos reais que teñan por obxecto a consideración da área urbana como motor social e económico da comarca recolléndose as partidas económicas necesarias en consonancia coa necesidades reais e as demandas históricas que se veñen realizando nos últimos anos.
A Coruña, 8 de abril de 2017
Noticias relacionadas