O BNG DEFENDE QUE O PAZO DE MEIRÁS ALBERGUE O CENTRO DA MEMORIA DEMOCRÁTICA DO PAÍS
Unha moción para a Casa Museo Emilia Pardo Bazán e a RAG ficaren na cidade
O BNG impulsa esta moción após o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, ter revelado que a intención do Goberno Galego é tornar o Pazo de Meirás nun Faro da Igualdade arredor da vida e obra de Pardo Bazán. Ese plan da Xunta implicaría o traslado da biblioteca e dos bens da escritora desde a súa actual ubicación na sede da Real Academia Galega da rúa Tabernas até a que fora residencia de verán do ditador Franco.
En realidade, o temor que ten a formación nacionalista é que “a vontade real do Goberno Galego sexa trasladar” ao Pazo de Meirás “a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán ou mesmo a sede da Real Academia Galega”.
O traslado a Meirás da Casa Museo Emilia Pardo Bazán sería, remarca Veira, incumprir a “expresa vontade” das herdeiras da condesa que quixeron que o seu fogar fose a sede da Real Academia Galega “en agradecemento ao seu nomeamento como presidenta honoraria desde a súa fundación, a 30 de setembro de 1906”.
Se tamén desaparecese da cidade a sede da Real Academia Galega ficaríamos sen unha das máis insignes institucións do país, alerta Veira, ficaríamos por tanto sen unha parte esencial dunha “fonda historia de reivindicación da nosa lingua e cultura que vai desde a celebración dos Xogos Florais, a fundación da nosa academia na cidade, a fundación das Irmandades da Fala, etc”.
O traslado a Meirás da Casa Museo Emilia Pardo Bazán sería, remarca Veira, incumprir a “expresa vontade” das herdeiras da condesa que quixeron que o seu fogar fose a sede da Real Academia Galega
Coa moción o BNG pretende o apoio da Corporación á cesión do Pazo de Meirás á Xunta de Galiza, de modo a facer do inmóbel un Centro da Memoria Democrática do país. “Hai que honrar as vítimas do franquismo e denunciar os 37 veráns en que foi residencia do ditador e os 80 anos de ignominia e vergoña que tardamos en recuperar a súa titularidade. E se recuperamos ese ben foi grazas a un inxente labor de investigación de persoas como Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo e grazas a un vigoroso movemento social en defensa da dignidade e da reparación dos crimes perpetrados polos fascistas”, di Veira.
Para o BNG, en todo caso as Torres de Meirás tamén teñen que recoller a memoria de Pardo Bzán. “Os dous usos son compatíbeis”, di Veira, cousa que non comparte a Xunta. “Quéreno dedicar só á escritora. Nada de memoria democrática. Queren borrar todo o que significou o Pazo. O terror e a vergoña da súa adquisición fraudulenta”, conclúe.
Por medio desta iniciativa, o BNG propón que no posíbel o conxunto da colección bibliográfica de Pardo Bazán, repartida neste momento entre o Pazo e o inmóbel da Rúa Tabernas, se ubique na sede da RAG, no que foi o seu fogar, tal e como está a demandar a propia Academia.