INICIATIVA DE AVIA VEIRA PARA O #PLENOXUÑO

Unha moción para actualizar os salarios das traballadoras do SAD de acordo co IPC real

Shot of a woman assisting her elderly patient who's using a walker for support
As empresas concesionarias néganse a aplicar o convenio colectivo que rexe as condicións laborais das traballadoras do Servizo de Atención a Domicilio (SAD) en que se contempla a revisión salarial conforme ao aumento do IPC real (6,5% en 2021).
Unha moción para actualizar os salarios das traballadoras do SAD de acordo co IPC real

Negarse a actualizar os salarios das traballadores consoante ao incremento do custo da vida non só significa incumprir o convenio, mais tamén os pregos de condicións da concesión, afirma a concelleira do BNG Avia Veira, quen por ese motivo vai levar este asunto ao Pleno do vindeiro 2 de xuño en forma de moción.

“É imprescindíbel que o Goberno Local”, remarca Veira, “supervise os contratos que rexen os SAD e que lles demande ás empresas concesionarias o cumprimento da legalidade laboral vixente, garantindo os dereitos laborais das traballadoras”.

Igualmente salienta Veira que a Xunta, administración competente na materia, ten que se implicar “para garantir que se cumpran as condicións laborais das traballadoras”.

O Servizo de Atención a Domicilio é unha actividade “esencial” para sociedade, mais á vez é “un dos traballos máis precarios e feminizados que existen”, xulga Veira. “As profesionais do SAD levan denunciando desde hai anos abusos das empresas concesionarias e é obriga da propia Administración esixirlles que cumpran cos dereitos das traballadoras”, reza a exposición de motivos desta moción.

O BNG procurará o apoio do Pleno para instar a Xunta a que, como administración competente, incremente o prezo do servizo nos contratos do SAD “co fin de mellorar as condicións laborais das traballadoras e as condicións en que se ofrece este servizo ás familias”.

Ao mesmo tempo, a Xunta ten que garantir o cumprimento do convenio, visando que se abone o 6,5% de actualización salarial, de acordo co convenio, ás traballadoras do servizo.

Por súa parte, o Goberno Local debe esixirlle ás concesionarias que cumpran co convenio colectivo, unha das obrigas que contemplaba o contrato de que foron adxudicatarias.

 

Unha moción para actualizar os salarios das traballadoras do SAD de acordo co IPC real