UNHA INICIATIVA DE JORQUERA PARA O PLENO DO 2X

Michelangelo botou 4 anos a pintar a Capela Sixtina: cantos farán falta para presentar a demanda sobre a Casa Cornide?

Mercedes Queixas e Francisco Jorquera. Casa Cornide.
Mercedes Queixas e Francisco Jorquera. Casa Cornide.
Michelangelo Buonarotti comezou a pintar os frescos da Capela Sixtina en 1508. Acabou a súa obra en 1512. Empregou, pois, catro anos. O actual mandato do Goberno Local comezou en 2019. Estamos a un ano da súa conclusión e nada sabemos da presentación da demanda para recuperar a Casa Cornide.
Michelangelo botou 4 anos a pintar a Capela Sixtina: cantos farán falta para presentar a demanda sobre a Casa Cornide?

É por iso que Francisco Jorquera acaba de rexistrar unha pregunta oral, para o Pleno do vindeiro 2 de xuño, en que se interesa por saber se na interposición desa demanda Goberno Local empregará menos tempo que os catro anos consumidos polo xenial artista florentino para pintar a Capela Sixtina.

Non aparece Buonarotti nesta iniciativa do BNG por casualidade. Faino porque, nunha das múltiples ocasións en que a formación nacionalista levou esta cuestión ao Pleno, o concelleiro de Memoria Histórica, Jesús Celemín, retrucou a Jorquera que o estabamos a apurar máis que o Papa Xulio II a Miguel Anxo para que rematase os frescos da bóveda.

A paciencia que tivo o Papa foi lendaria. “Cando rematarás?”, pregúntaballe a Buonarotti. “Cando remate”, respondía este. As respostas de Celemín no Pleno teñen sido tamén evasivas, mais todo indica que o Goberno Local podería bater o récord de Michelangelo e acabar o mandato sen formular unha demanda que permitise recuperar para a cidade un ben espoliado pola familia Franco.

O Goberno Local podería bater o récord de Michelangelo e acabar o mandato sen formular unha demanda que permitise recuperar para a cidade un ben espoliado pola familia Franco

“Polo camiño que imos”, ironiza Jorquera, “co tempo que se están tomando para preparar a demanda, a Miguel Anxo aínda lle quedaría tempo para esculpir o Davide”.

E ten escusas o Goberno Local que xustifiquen esta demora en acudir aos tribunais? Pois a verdade é que non porque, salienta Jorquera, o Executivo coruñés dispón dun informe xurídico para sustentar a demanda desde decembro de 2020 e de feito “en novembro anunciaron que presentarían a demanda antes de que rematase 2021 e seis meses despois de que vencese ese prazo seguimos esperando”.

En todo caso, e á marxe das brincadeiras, o BNG presenta esta iniciativa para testar se efectivamente o Goberno Local ten “vontade política” de iniciar de vez a batalla legal “para que os Franco nos devolvan o roubado” ou, se polo contrario, “están a xogar a facer que se fai e a marear a perdiz”, conclúe o portavoz nacionalista en María Pita.

 

 

Michelangelo botou 4 anos a pintar a Capela Sixtina: cantos farán falta para presentar a demanda sobre a Casa Cornide?