UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA PARA O #PLENOMARZO

A mobilidade peonil da cidade necesita unha man de pintura... e máis cousas!

WhatsApp Image 2026-03-03 at 13.35.02
Un paso de peóns pouco visíbel na Rúa da Torre
A Coruña precisa da elaboración dun Plan de Mellora da Mobilidade Peonil que inclúa unha revisión exhaustiva de todos os pasos de peóns da cidade.
A mobilidade peonil da cidade necesita unha man de pintura... e máis cousas!

Así o considera a nosa concelleira Avia Veira, quen defenderá unha moción nese sentido no Pleno ordinario do mes de marzo, a se realizar o vindeiro xoves 5 de marzo.

A iniciativa chega após o BNG ter tido coñecemento de queixas veciñais en todos os barrios sobre o mal estado dos pasos de peóns. “Camiñar pola cidade debe ser seguro, especialmente para as persoas maiores, a infancia e quen ten mobilidade reducida”, argumenta a nosa concelleira.

“O borrado dos pasos de peóns en todos os barios da cidade, a mala visibilidade destes pola noite ou en días chuviosos, a invasión de coches sobre os pasos de cebra, a falta de aposta pola elevación dos pasos en lugares sensíbeis, o deterioro das pedras na Cidade Vella, o caso de Alcalde Marchesi...” son todos problemas obxectivos que xa fan parte do día a día da Coruña, detalla Veira na exposición de motivos da súa iniciativa.

O BNG pide que os pasos de peóns se volvan pintar con materiais máis duradeiros e resistentes ao noso clima, que se mellore a súa visibilidade e que se eleven todos aqueles en que se tecnicamente sexa posíbel.

Ademais, a Policía Local debería realizar unha campaña de vixilancia e sanción a aquelas persoas condutoras que invadan cos seus vehículos os pasos de cebra, ben tamén as persoas condutoras que circulen con bicicletas e patinetes polas beirarrúas.

Neste último sentido, o plan de mellora da mobilidade peonil debería contemplar a inspección do estado das beirarrúas da cidade, co fin de atender de xeito áxil a súa reparación, e a revisión das bandas redutoras que se instalaron en varios puntos da cidade co fin de rebaixar a velocidade dos vehículos e mellorar a seguranza viaria.

“Facer da Coruña unha cidade pensada para as persoas é unha cuestión de vontade política. E esa vontade debe traducirse en actuacións concretas e mantemento constante”, conclúe Veira.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A mobilidade peonil da cidade necesita unha man de pintura... e máis cousas!