É O REGULAMENTO QUE ORDENA O DESENVOLVEMENTO DOS PLENOS DO CONCELLO
Jorquera considera que, máis de 21 anos despois da súa aprobación, é ben actualizar o ROM
Jorquera considera que, máis de 21 anos despois da súa aprobación (2 de novembro de 2004), é ben que se actualice o ROM.
“Non queremos prexulgar o resultado final desa reforma, pois o desexábel é que sexa consensuada entre todos os grupos, mais pasados máis de vinte e un anos desde a súa aprobación parece evidente que o ROM precisa dunha actualización”, remarca.
Por pór un exemplo, co actual ROM na man unha maioría absoluta podería vetar o debate dunha moción pretextando que non ten carácter urxente. A xuízo de Jorquera, debería reformarse este aspecto, pois neste momento é unha práctica asentada “o debate daquelas mocións que os grupos municipais consideran de interese”.
A práctica asentada ten deixado obsoletos algúns aspectos do ROM. Así, o seu artigo 51.7 establece que o tempo para a tramitación das preguntas orais “non poderá exceder de tres minutos na súa totalidade”, entre a/o concelleira/o que inquire e a/o concelleira/o que responde, cando na actualidade se consumen moitos máis minutos, o que ten toda a lóxica, sobre todo cando se están a debater asuntos de certa complexidade.
A reforma permitía tamén abordar asuntos que neste mandato, refire Jorquera, teñen orixinado controversia, como a que se produce cando un grupo propoñente dunha moción rexeita as emendas que se lle formulan e son estas as que se aproban e non aquela. Unha práctica distinta ás dos parlamentos, en que, cando unha emenda é rexeitada polo grupo propoñente, esta non se somete a votación.
O acordo cuxa adopción polo Pleno propón Jorquera é o seguinte: “O Pleno do Concello acorda solicitar á Xunta de Portavoces que formule unha proposta de reforma do ROM co obxecto de a elevar ao Pleno, para a súa toma en consideración, nun prazo non superior aos tres meses desta moción”.
Pregunta oral
Alén do máis, e na quenda de preguntas orais, Jorquera vaise dirixir ao Goberno Local para saber en que estado se atopa a varias veces anunciada reforma do sector institucional do Concello.