O BNG TRASLADA AO PLENO DEMANDAS DA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS E VECIÑAS ENSEADA DO ORZÁN

Unha Mesa de Traballo para conciliar o desfrute do ocio nocturno e o dereito ao descanso

Rolda de prensa 2
Un momento da rolda
“No barrio do Orzán tense que poder vivir e tense que poder durmir”. Nestes termos pronunciouse este luns a concelleira do BNG Avia Veira durante a rolda de prensa que ofreceu en María Pita para dar a coñecer unha moción en relación aos problemas que se derivan da concentración de locais de ocio nocturno no barrio do Orzán.
Unha Mesa de Traballo para conciliar o desfrute do ocio nocturno e o dereito ao descanso

O que propón basicamente o BNG nesta iniciativa, que se debaterá no pleno do vindeiro xoves 6 de febreiro, é que se constitúa unha Mesa de Traballo para “articular solucións que permitan que a existencia de locais de ocio nocturno no barrio do Orzán non perturbe o dereito de veciñas e veciños do barrio ao descanso e a poder desenvolver unha vida normal”.

Defende Avia Veira que nesa Mesa participen todos os axentes implicados neste problema, desde representantes da veciñanza e do sector da hostelaría até policía local e os responsábeis en materia de disciplina urbanística.

A moción, remarcou a concelleira, nace froito do diálogo entre o BNG e a Asociación de Veciñas e Veciños Enseada do Orzán. “Eramos coñecedoras da situación polas diferentes intervencións do presidente da A VV do Orzán, quer en medios de comunicación quer desde o escano cidadán”, esclareceu Avia Veira, quen desvelou que “nas últimas semanas tivemos un encontro coa Asociación de Veciñas en que esta nos presentou un traballo sobre a incidencia do ocio nocturno na vida do barrio”.

A conclusión dese traballo é que o barrio se torna “inhabitábel” para as 7.000 persoas que moran nel durante as noites do xoves, venres, sábado e domingo. “Hai moitas persoas que teñen que medicarse, moitas tiveron que faceren reformas nas súas casas para mudar os seus dormitorios e poñelos nas zonas das moradas menos expostas ao ruído”, relatou Veira.

O barrio tórnase “inhabitábel” para as 7.000 persoas que moran nel durante as noites do xoves, venres, sábado e domingo

Un dos aspectos a ter máis en conta é o incumprimento por parte dos estabelecementos de hostelaría das ordenanzas municipais. “Hai que recoller as terrazas a determinadas horas e gardar o material fóra da vía pública e non pode ser que nalgúns locais o sonógrafo non estea activado”, di a concelleira. “E malia que en ocasións a polícía local levanta algunha acta, os locais volven unha e outra vez a incumpriren os niveis de ruído”, con emisións que en ocasións alcanzan os 50 decibelios, denuncia. Hai locais, alegou, en que, co propósito de manter a licenza, vai mudando a persoa titular “para sortear as infraccións”, mais “non mudan por suposto o modus operandi”.

Para o BNG a situación é insostíbel e é preciso que desde o Concello se tomen cartas no asunto co obxectivo de facer compatíbel o desfrute do ocio nocturno co respecto ao dereito ao descanso por parte da veciñanza. “A Mesa de Diálogo pode servir para que se detecten defectos nas ordenanzas, quer as que regulan a concesión das licenzas quer as que teñen que ver co control dos ruídos”, arguíu a concelleira

Unha Mesa de Traballo para conciliar o desfrute do ocio nocturno e o dereito ao descanso