REGO, JORQUERA E VEIRA EN CONFERENCIA DE PRENSA
"Pór sobre a mesa a venda de activos do porto é darlle ao Estado o pretexto para non condonar a débeda"
Nos últimos días está a aparecer con forza un debate que non é nin gratuito nin inocente, o da venda dos activos (isto é, o da privatización para construír vivendas a grande escala) do porto interior. Un debate que abriu na cimeira de María Pita do pasado 23 de febreiro a representación do Estado e que recentemente reavivou Feixoo após a súa reunión co ministro de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos.
Pois ben, o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, remarcou este xoves 7 de abril que "o BNG non está polo labor de dar debates que agora non tocan", nin tampouco é partidario de "pór sobre a mesa propostas que agora mesmo fornecen ao Estado o pretexto para que continúe a incumprir coa Coruña".
"A que me refiro?", perguntouse. "Pois a que se se pon sobre a mesa a venda de activos ou a construción de vivenda, como por exemplo fixo recentemente Feixoo, o Estado xa ten a escusa perfecta para evitar falar da condonación da débeda do porto ou dunha solución equivalente", esclareceu o voceiro nacionalista.
Jorquera: "O BNG non está polo labor de dar debates que agora non tocan"
Para Jorquera, non deixa de ser unha obviedade que, sendo que a construción dársena exterior foi "unha decisión de Esatdo", o lóxico é que o Estado ou ben condone a débeda contraída pola realización de tal obra pola Autoridade Portuaria ou ben "contribúa á transformación dos terreos do porto interior" por unha cantidade equivalente ao devandito débito.
Ese e non outro é o debate que deben dar Feixoo e Inés Rey nas súas conversas co Estado, dixo Jorquera en vésperas das reunións que este venres irá manter José Luis Ábalos en Compostela e A Coruña con Xunta e Concello.
Nese sentido, o portavoz do BNG en María Pita emprazou Feixoo a que nesa xuntanza co membro do Goberno central "actúe como presidente do Goberno galego e non como promotor inmobiliario" e, ao tempo, urxiu quer o titular da Xunta quer a alcaldesa da Coruña "a que sexan firmes á hora de esixiren a condonación da débeda e o acceso ferroviario ao porto exterior".