"Mes horribilis" para Os Castros pola emisión de partículas en suspensión procedentes do porto

"Mes horribilis" para Os Castros pola emisión de partículas en suspensión procedentes do porto

TABOA

A Coruña, 30 de setembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia o “mes horribilis” que está a padecer o barrio dos Castros debido á emisión de partículas en suspensión PM10, que mide a calidade do aire no porto de San Diego e que lle provocan afeccións respiratorias e de alerxia á veciñanza. As nacionalistas sinalan que se setembro empezou mal a nivel de emisión de partículas en suspensión –con medias diarias que foron de 42 µg/m³ o día 1, de 54 µg/m³ o día 2 e de 41 µg/m³ o día 3- remata peor. E é que só o venres, durante a mañá, chegaron a rexistrarse picos de 229 µg/m³, e o sábado, de 127 µg/m³, segundo a páxina web da Autoridade Portuaria.

Estes dous picos do venres e do sábado tiveron lugar ás 11h. E, precisamente, no día de onte, a web da Autoridade Portuaria deixaba baleiro o dato horario das 11h na táboa de emisións por datos horarios. Á vista destes datos, o Grupo Municipal do BNG pregúntase que está a acontecer no porto ás 11h dos últimos días e por que motivo a web da Autoridade Portuaria oculta o dato das 11h de onte.

Captura de pantalla da web da Autoridade Portuaria cos datos de 29.09.2014

Estas cifras preocupantes súmanse ás reiteradas desaparicións da web da Autoridade Portuaria dos rexistros das emisións horarias en determinados días. As nacionalistas esperan que a ausencias de datos non sexa ningunha acción premeditada da Autoridade Portuaria, pois, daquela, cabería esperar calquera tipo de manipulación dos datos de cara a realizar as medias anuais, tendo en conta que o Real Decreto 102/2011 estabelece que non poden superarse os 50 µg/m³ en máis de 35 veces ao ano.

O BNG ten presentado infinidade de iniciativas sobre a emisión de partículas en suspensión PM10 no porto e ten expresado publicamente á súa preocupación sen que o Goberno do Sr. Negreira teña feito nada ao respecto. A actitude cómplice do alcalde coa Autoridade Portuaria demostra que o Sr. Negreira está máis preocupado por coidar dos negocios do Porto que pola saúde dos veciños e veciñas dos Castros.

As nacionalistas, que van levar ao Parlamento europeo as denuncias da asociación veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros co fin de exixir medidas que garantan a calidade do aire, exixen que as descargas de graneis se realicen en circuítos pechados sempre e cando sexa posíbel.

"Mes horribilis" para Os Castros pola emisión de partículas en suspensión procedentes do porto