QUEIXAS ANUNCIA UNHA MORATORIA DA INSTALACIÓN DE GRANDES SUPERFICIES, UN MODELO ESGOTADO E FRACASADO COMO SE VIU NA CORUÑA
Mellor Local e Mellor Galego: cremos nun sector que merece outra política (co PP na Xunta fecharon até 12 mil comercios!)
En declaracións realizadas aos medios no interior da firma de cosmética Lp10 -empresa que utiliza materia prima galega para os seus produtos dermofarmacéuticos personalizados-, Mercedes Queixas fixo un convite á sociedade coruñesa “a que mire cara ao comercio local, o que temos ao noso arredor, garantía total de bo trato e de calidade”.
“O comercio local axuda a xerar riqueza e emprego, mais tamén constrúe rede social e comunitaria. Fai cidade”, remarcou Queixas.
A concelleira nacionalista salientou que é a Xunta quen ostenta as “competencias exclusivas” en materia de comercio. “E o certo é que o balance destes 14 anos non pode ser máis negativo. Co PP na Xunta pecharon máis de 12 mil comercios cunha aposta inequívoca a favor das grandes superficies en detrimento dos pequenos negocios”, denunciou. Abonda un dato para ilustrar a política da Xunta a respecto dun sector estratéxico da economía galega: “As partidas destinadas ao comercio nos orzamentos da Xunta para 2024 son inferiores ás que existían cando chegou o PP ao Goberno galego, en 2009”.
Mais isto vai mudar a partir do 18 de febreiro. “Ese é o compromiso que temos coa maioría social que ambiciona un cambio galego”, dixo en referencia á xa inminente cita coas urnas.
E, nese sentido, Queixas detallou os compromisos do BNG co sector: “Impulsaremos unha nova Lei de Comercio adaptada á realidade actual, estableceremos unha moratoria para a instalación de grandes superficies comerciais -na Coruña temos un exemplo notorio do fracaso e esgotamento dese modelo- e alentaramos a creación dunha plataforma de venda on line que permita ao comercio local competir coas grandes multinacionais”.
“Desde o BNG apostamos e confiamos nas potencialidades do pequeno e do mediano comercio. Por iso dicimos Mellor Local, Mellor Galego”, concluíu.