PREGUNTA ORAL DE FRANCISCO JORQUERA NO PLENO DO 4F
As más condicións en que está o Pazo da Ópera aconsellan o rescate da concesión
A concesionaria ten o edificio en condicións moi deficientes, como recentemente ten denunciado o director da Orquestra Sinfónica da Galiza, Dimas Slobodeniouk, e esa situación debería levar o Goberno Local a rescatar a concesión.
Así o vai defender o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, no Pleno de mañá xoves 4 de febreiro, sesión en que lle dirixirá unha pregunta oral ao gabinete presidido por Inés Rey.
O BNG xa ten denunciado como irracional que o contrato da concesión obrigue o Concello a abonar 900 mil euros en concepto de aluguer dunhas instalacións que son da súa titularidade. Este canon págao a Administración local para o Pazo da Ópera acoller as actividades da Orquestra Sinfónica da Galiza.
O contrato de aluguer foi suspendido polo Concello unha vez que, por mor da Covid-19, a OSG tivo que se trasladar ao Coliseum. Mais fica por esclarecer que vai ocorrer cando se supere a pandemia e a Orquestra poda recuperar a normalidade.
Está en condicións o Pazo para voltar a ser o escenario da OSG? Segundo o dito polo seu director, non parece: pésima circulación do ar, humidades, mal estado do escenario, do foxo e dos camerinos. “E como se se construíse o edificio e xa ninguén se preocupase por el. Non temos moito tempo e é realmente perigoso estar aí, alén de que pagamos millóns e millóns, ano tras ano, practicamente por nada”, ten declarado Dimas Slobodeniouk.
Alén do mal estado da instalación, Jorquera vai pór tamén en destaque a situación de precariedade en que se acha o cadro de persoal da sociedade concesionaria, afectado por un ERTE que xa foi obxecto no seu día dunha pregunta por escrito do grupo municipal do BNG.