PREGUNTA ORAL DE AVIA VEIRA NO PLENO DO 4F

Cando se van retomar os cursos de educación afectivo sexual dentro do programa Coruña Educa?

corunha educa

A concelleira do BNG Avia Veira insta o Goberno Local a que saque a concurso no prazo máis breve posíbel os cursos de educación afectivo sexual que se viñan impartindo nos centros de ensino dentro do programa Coruña Educa e que se deixaron de ofrecer porque a falta de dilixencia administrativa do Executivo coruñés levou a que non se convocara unha nova licitación após caducar o contrato anterior.

Cando se van retomar os cursos de educación afectivo sexual dentro do programa Coruña Educa?

Sobre este tema, Veira inquirirá ao Goberno Local, por medio dunha pregunta oral, no Pleno que a Corporación vai realizar o vindeiro xoves 4 de febreiro.

“Hai uns meses foi noticia que o Concello deixaba de impartir estes cursos. No seu día rexistramos preguntas escritas ao respecto. Agora queremos insistir xa no Pleno. Queremos saber cando se van retomar dunha maneira máis ou menos normal, dentro do que pode ser normal nestes tempos que nos toca vivir”, di a edil nacionalista.

Para Veira, estes cursos teñen unha “importancia enorme”, sendo que a “educación afectivo sexual é unha ferramenta básica no camiño cara á igualdade”.

“É da máxima relevancia que nos centros de ensino se poda volver falar de identidade sexual e de xénero, de desexos, de prácticas que non se deben reproducir, de enfermidades de transmisión sexual, das distintas formas da afectividade”, engade.

É preciso fornecer de coñecementos á xente nova e impedir que a súa principal fonte de información, en moitas ocasións de deformación, sexa a pornografía. “A alternativa ten que estar nos cursos afectivos sexuais se queremos evitar que se produzan determinadas condutas e roles violentos, fundamentalmente contra as mulleres”, afirma.

Salienta Veira que “non en todas as familias se educa en afectividade e nunha sexualidade sa e en igualdade”, polo que é fundamental que se forme “as nenas e nenos, as e os adolescentes, nos centro de ensino”. De aí que o Concello teña que recuperar canto antes estes cursos dentro do programa Coruña Educa.

 

Cando se van retomar os cursos de educación afectivo sexual dentro do programa Coruña Educa?