VAINA DEFENDER NO PLENO MERCEDES QUEIXAS
Este martes, debate no Parlamento galego dunha iniciativa do BNG para a Xunta axilizar a declaración como BIC da Casa Cornide
A iniciativa chega á Cámara poucos días despois de o Concello ter apresentado o informe histórico-artístico que lle enviou á Administración galega para esta proceder a outorgar protección a esta xoia do século dezaoito coruñés, expoñente de “certo barroquismo” que foi espoliado pola ditadura franquista e que debe voltar ao seu lexítimo dono, a veciñanza da Coruña.
A autora da proposición non de lei, a deputada do BNG Mercedes Queixas, alerta no texto da iniciativa que a declaración da Casa Cornide como BIC se tornou unha tarefa especialmente urxente ante a decisión da familia Franco de pór en venda o edificio.
“Cómpre continuar a dar pasos adiante na reparación da verdade, xustiza e reparación da dignidade poñendo en marcha, desde as Administracións, os procedementos necesarios para que tamén a Casa Cornide sexa recuperada para o ben común”, di Mercedes Queixas. Ese “tamén” alude ao feito de que o Pazo de Meirás, após ter ditado sentenza a titular dun xulgado coruñés, está hoxe máis perto de volver ao patrimonio público.
Salienta a deputada nacionalista que na operación de usurpación da Casa Cornide por parte da ditadura participaron coñecidos persoeiros da cidade como os que foran alcaldes Alfonso Molina Brandao e Sergio Peñamaría de Llano ou o magnate Pedro Barrié de la Maza, personalidades “que aínda conservan na Coruña rúas, retratos en edificios públicos, placas e todo tipo de distincións, que non poden admitirse nunha sociedade democrática”.
“Porque a coruñesa Casa Cornide”, esténdese, “como o Pazo de Meirás e outros moitos obxectos de elevado valor patrimonial levados ao pazo como as esculturas do Mestre Mateo, forman parte do espolio da familia Franco, que precisamos reverter.
Mercedes Queixas denuncia que se continúa a render homenaxe con rúas e retratos en edificios públicos a personaxes da ditadura que participaron directamente no espolio da Casa Cornide, como Alfonso Molina, Pedro Barrié de la Maza ou Sergio Peñamaría de Llano
Por todo isto, conclúe Queixas, cabe ao Goberno galego “activar as medidas de protección necesarias para un dos edificios máis singulares da cidade contar coa maior protección legal”.
O horizonte final da Casa Cornide, após a súa declaración como BIC, é o retorno ao patrimonio público do Concello, como, aliás, o Pleno da Corporación coruñesa ten demandado en varias ocasións ao aprobar mocións formuladas polo grupo municipal do BNG.
INVENTARIAR OS BENS DA CASA
O BNG vaille pedir á Xunta que, alén de axilizar a declaración BIC, realice un inventario de todos os bens, fondos e obxectos, de valor histórico artístico contidos na Casa Cornide, de forma a garantir a súa conservación e de forma a previr a continuidade do espolio como ten acontecido no Pazo de Meirás.