Marchamos canda máis de mil persoas contra o ERTE da refinaría

Manifestación contra o ERTE na refinaría. 24 de abril de 2021.
Máis de mil persoas foron esta mañá en manifestación polas rúas da cidade, desde a Praza da Palloza até María Pita, contra o ERTE decretado por Repsol na refinaría. Canda elas marcharon Francisco Jorquera e Avia Veira, ben como a deputada Mercedes Queixas e os tamén parlamentares Ramón Fernández Alfonzo 'Mon' e Daniel Castro. A mobilización foi un clamor contra un ERTE inxusto e non xustificado. O Ministerio de Traballo e Xunta non o deberían desouvir.
Marchamos canda máis de mil persoas contra o ERTE da refinaría

"Hai que frear este ERTE de inmediato", díxolle o noso portavoz en María Pita aos medios antes da marcha partir da Praza da Palloza. "Estamos a sufrir un proceso de desindustrialización moi preocupante. A comarca da Coruña non se pode permitir o luxo de que se siga perdendo máis emprego. Estamos a falar dunha empresa que ten na refinaría da Coruña un dos cadros de persoal con máis traballadoras e traballadores da comarca. E, alén diso, estamos a falar dunha empresa que fechou o exercicio 2020 con importantes beneficios", remarcou.

E non só iso: Repsol, subliñou Jorquera, está a optar a proxectos financiados a cargo dos fondos Next Generation, "que son en definitiva fondos públicos", para acometer a transición enerxética. "Ou sexa, ten beneficios, quere financiarse con fondos públicos e, en troca, pretende aplicar un ERTE nada máis e nada menos que a un terzo do persoal da refinaría, ERTE que por certo imos pagar todas e todos na medida en que o Estado corre con parte das cotizacións das e traballadores", denunciou.

manife

O BNG adheriu esta convocatoria para "expresar a nosa solidariedade coas e cos traballadores". "A Coruña non se pode permitir o luxo de continuar a perder emprego industrial e de que estea ameazado un centro industrial tan arraigado nesta comarca como é a refinaría de Repsol".

manife 2

Canto ás responsabilidades políticas, Jorquera quixo lembrarlle á Xunta que "ten competencias en materia de industria" e que, por tanto, "ten moito a facer". "E o primeiro que demandamos, quer da Xunta quer do Goberno central, é un exame da proposta de ERTE presentada por Repsol para evitar que esteamos perante un ERTE fraudulento. Insisto: unha empresa que anunciou a bombo e platillo importantes beneficios en 2020 non é de recibo que queira aplicar agora un ERTE a 212 traballadoras e traballadores da refinaría".

manife 3

Cánticos

"Sen industria non hai futuro" e "Este ERTE é unha estafa" foron algúns dos cánticos coreados polas persoas participantes nunha marcha que, polo demais, volveu ser unha lección de civismo, con todas as medidas de seguranza precisas fronte á pandemia.

 

Marchamos canda máis de mil persoas contra o ERTE da refinaría