Malia os graves fallos técnicos, as tarxetas Millenium terás as mesmas características técnicas
A Coruña, 7 de xaneiro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que, malia recoñecer o seu mal funcionamento, o Goberno do Sr. Negreira saque a concurso a subministración das tarxetas Millenium coas mesmas características técnicas que en 2012.
É que o PMUS, encargado e aprobado polo actual goberno do PP, recolle na súa diagnose como unha debilidade do servizo de autobús urbano da cidade o funcionamento deficiente da Tarxeta Millenium; mais tamén, no desenvolvemento das propostas, recoñece que o funcionamento defectuoso dunha porcentaxe de tarxetas Millenium é fonte de conflitos co usuario, xera unha mala imaxe do servizo e provoca a diminución da velocidade comercial polo que propón a súa mellora.
As nacionalistas pregúntanse para que gastou medio millón de euros o Goberno do Sr. Negreira nun plan de Mobilidade ao que lle fai caso omiso pois a Concellaría de Mobilidade vén de sacar a concurso a subministración de máis de 20.000 tarxetas Millenium por valor de 90.000 , sen ningunha mellora, exactamente coas mesmas características técnicas e cuns pregos practicamente calcados aos do concurso de subministración que sacara en 2012.
O BNG xa ten denunciado en moitas ocasións as eivas da Millenium, que provocan, cada día, longas esperas das persoas afectadas tanto no rexistro xeral do Concello como na estación de autobuses.
O Grupo Municipal do BNG sinala que os fallos técnicos das tarxetas provocan que as persoas posuidoras da tarxeta teñan que aboar no momento a tarifa xenérica, causando molestias nas persoas usuarias do sobre todo porque deixa de funcionar por causas alleas á súa vontade, ou cando se atopan fóra de servizo as máquinas de recarga en efectivo que hai no interior das oficinas de Abanca. O non funcionamento destas máquinas de recarga en efectivo aféctalles, nomeadamente, as persoas que non teñen conta en Abanca, xa que non se lles facilita outra alternativa e vense obrigadas a pagar o importe xenérico do billete, sen descontos.
Para o Bloque, ningunha destas eivas da tarxeta Millenium, nin as recollidas polo PMUS, nin as denunciadas polo BNG e polas persoas usuarias dos servizo de transporte urbano, vai camiño de solucionarse se non se preve na nova contratación de subministracións de tarxetas Millenium ningunha modificación a respecto de 2012.