O BNG LEVA O ASUNTO AO PLENO DO 8S

"O malestar é xeralizado pola falta de limpeza na cidade"

Servizo de limpeza viaria. Foto: IG
Servizo de limpeza viaria. Foto: IG
O BNG constata no seu contacto coa veciñanza que “o malestar é xeralizado” pola falta de limpeza na cidade, afirma Francisco Jorquera, portavoz nacionalista en María Pita, quen vai levar esta cuestión, en forma de pregunta oral, ao Pleno do vindeiro xoves.
"O malestar é xeralizado pola falta de limpeza na cidade"

O teor literal da pregunta que formulará Jorquera é o seguinte: “O Goberno Local está satisfeito co estado da limpeza da cidade e da xestión da recollida e tratamento de lixo?”.

Para o voceiro nacionalista, “os problemas da limpeza da cidade, lonxe de se solucionaren, van a máis” e desde logo non se arranxan porque agora se anuncie a entrada en funcionamento de novos medios materiais: “Non abonda con que agora se anuncien catro novas máquinas. Cómpre controlar de forma efectiva a calidade na prestación do servizo e desde logo hai que esixir o cumprimento das cláusulas técnicas por parte das empresas concesionarias, sen desbotar, se for preciso, a aplicación do réxime sancionado por parte do Concello”.

Fallan todos os aspectos relativos á limpeza da cidade, xulga Jorquera. Falla o tratamento do lixo, con reciclaxe practicamente cero segundo se tira da denuncia pública feita polos traballadores de Nostián. Falla a recollida, con cidadáns que chaman ao 010, seguen as súas indicacións para depositaren voluminosos, mais logo pasan mesmo semanas sen que estes sexan recollidos. E falla o combate contra a sucidade nas rúas: non houbo reforzos durante as festas nin se están a cumprir as condicións establecidas para a limpeza dos polígonos, zonas de lecer nocturno, nas praias de maio a outubro ou en xeral durante os períodos de caída da folla.

A impresións que ten o BNG é que o Concello non está a supervisar correctamente o cumprimento por parte das empresas concesionarias das cláusulas técnicas que rexen a prestación dos servizos.

 

 

"O malestar é xeralizado pola falta de limpeza na cidade"