UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA PARA O PLENO DO 8S
O Concello si ten instrumentos para paliar os efectos do aumento da inflación
É por isto que a concelleira do BNG Avia Veira vai defender no Pleno do vindeiro xoves unha moción por medio da cal insta o Executivo coruñés a convocar o Consello Local de Inclusión Social e a pór en marcha a elaboración dun Plan de Inclusión Social.
O BNG entende que as administracións con maiores responsabilidades e competencias nesta materia son a estatal e a autonómica, mais Veira anota que “o Concello da Coruña tamén ten ferramentas para axudar as familias que están nunha situación de maior vulnerabilidade”.
Neste sentido, entende que o Goberno Local debe manter un diálogo coas entidades sociais no seo do Consello Local de Inclusión Social “co fin de implementar as medidas necesarias para afrontar o que queda por vir durante este ano e tamén a medio e longo prazo”.
“Entendemos que a Renda Social Municipal, as axudas de emerxencia social e outras medidas de apoio económico ou de soporte que ten o Concello da Coruña teñen que se analizar para ver en que aspectos se poden mellorar e actualizar”, enfatiza a concelleira nacionalista.
Lembra Veira que no Acordo de Investidura asinado en xuño de 2019 polo BNG e o PSdeG-PSOE se recollía literalmente o compromiso de elaborar “na primeira metade de mandato” un Plan de Inclusión Social, ben como tamén se establecía o obxectivo de estudar “unha reforma da Renda Social Municipal e da Axuda de Emerxencia Social”.
“Independentemente de que en termos temporais este acordo non se cumprise, aínda pode levarse a cabo quer o plano de inclusión quer a reforma destas axudas”, subliña Veira.
A moción do BNG tamén persegue o acordo da Corporación para instar a Xunta a que reimplante a Tarxeta Básica “como ferramenta para axudar as galegas e galegos que máis están a sofrer a inflación e a escalada de prezos”.