UNHA INICIATIVA DE DAVID SOTO PARA O #PLENOXULLO DESTE VENRES 11X
O mal estado do campo de golf e as reivindicacións das e dos traballadores da instalación, a debate grazas ao BNG
Esta situación vai levar o concelleiro do BNG David Soto a defender, no Pleno deste venres 11X, unha moción por medio do cal insta o Goberno Local a licitar, á maior brevidade posíbel, o servizo de mantemento do campo de golf e a que proceda a reparar aquelas deficiencias “cuxa abordaxe sexa máis urxente”, todo isto co compromiso “de que a nova empresa concesionaria da licitación execute un plan xeral de mellora das instalacións nos primeiros meses do contrato”.
A concesión do Campo de Golf municipal foi licitada en 2007, hai 18 anos, e despois de sucesivas prórrogas caducou en 2017. Leva 8 anos en precario. A consecuencia obvia é que as instalacións se foron deteriorando, o que claramente prexudicou a práctica deportiva para as case mil persoas usuarias (perto de 900 delas federadas e federados).
Tamén ficaron moi afectados as e os traballadores da concesión. “O seu salario”, refire Soto na exposición de motivos da moción, “segue conxelado desde hai anos e xa está a piques de ser absorbido polo salario mínimo interprofesional, a pesar de que, dende a data do anterior contrato de concesión (licitado en 2007), o IPC aumentou 42%, o que ten provocado unha considerábel perda do poder adquisitivo das e dos traballadores”.
Sobre esta cuestión, o BNG propón que o Goberno Local, durante a redacción dos novos pregos conducentes a unha posterior licitación, dea audiencia “ás e aos traballadores das instalacións, co obxectivo de revisar e mellorar as súas condicións laborais”.
Para Soto, o Campo Municipal de Golf da Coruña é un “motivo de orgullo desta cidade”, ao pór a disposición do público en xeral “unhas instalacións que permiten democratizar a práctica dese deporte, normalmente un couto para persoas de alta capacidade económica”.
Mais esas instalacións precisan dun moito mellor mantemento, razón pola que o BNG impulsa esta iniciativa.