O mal estado da escalinata da rúa Pintor Vilar Chao, produto da falta de mantemento
“Alí medran herbas no medio dos chanzos, as varandas están rotas, a árbore non se poda e os arbustos que inicialmente a acompañaban desapareceron e nunca se repuxeron”, relata o voceiro nacionalista.
A rúa é pola súa configuración unha barreira arquitectónica. A solución que se adoptou no seu día non está a funcionar e a día de hoxe “supón un auténtico cárcere para as veciñas e veciños cuxo portal dá á escalinata, xa que se nalgún momento tivesen problemas de mobilidade ou se visen impedidas por calquera motivo non poderían saír das súas casas”, remarca Jorquera. “Tal é así que unha veciña tivo que abandonar recentemente a súa casa por este motivo”, acrecenta.
No seu día os servizos municipais barallaron o proxecto de instalar na rúa un ascensor que alén de resolver este problema de mobilidade permitiría conectar a avenida de Oza coas rúas Juan Montes e da Merced.
Algunhas veciñas defenden por súa parte a colocación dunha rampla “que comezase na propia rúa Juan Montes, mesmo tomando se fose preciso espazo á calzada, e logo descendese por tramos até a rúa Pintor Vilar Chao”.
Estas cuestións trasládallas Jorquera ao Goberno Local en forma de pregunta. Inquírelle ao executivo coruñés en primeiro termo se é coñecedor do estado de deterioración en que se atopa a escalinata e, en caso afirmativo, que medidas ten pensado tomar para reparar uns danos que son produto da falta de mantemento.
Alén diso, Jorquera quer saber se o Goberno manexa as opcións de instalar ou un ascensor ou unha rampla para resolver este problema de mobilidade.